OBRAS

A concellaría de Obras destinou, no que levamos de ano, máis de 500.000 euros á conservación, mantemento e reparación de pavimentos na zona urbana

09/09/2020 O concelleiro de Obras, Javier Fernández, presentou o balance das intervencións realizadas entre xaneiro e agosto deste ano polo seu departamento. Á conservación, mantemento, e reparación de pavimentos nos viais do termo municipal pertencentes á contorna urbana destináronse 556.282,45 euros, e actuouse sobre unha superficie superior aos 16.000 metros cadrados.

Durante estes meses tamén se procedeu ao arranxo e mantemento do mobiliario urbano. A concellería de Obras realizou, cos centros especiais de emprego cos que colabora, 95 actuacións sobre bancos, outras 13 sobre bolardos; ademais de arranxar 394 metros de pasamáns e 31 metros de barandas. As intervencións tiveron lugar en Pontepedriña, Vite e San Lázaro, ademais de atender as urxencias detectadas. Nos próximos meses está previsto que se actúe en outros barrios da cidade.

A conservación, mantemento e reparación de pavimentos nos viais municipais divídese en dous lotes. O lote 1, relacionado co pavimento asfáltico na contorna urbana; e o lote 2 de pavimento non asfáltico, no que se inclúen elementos como as lousas das beirarrúas.

LOTE 1

Ás actuacións incluidas no lote 1 destináronse, ata o de agora, 352.961,22 euros. A concellaría que dirixe Javier Fernández actuou sobre unha superficie de 12.480,16 metros cadrados, nas rúas San Caetano, rúa de Madrid, rúa de Lisboa, rúa de Santiago León de Caracas, rúa de Polonia, rúa de Eslovenia, rúa da Ponte do Romaño, rúa do Restollal, rúa Os camiños da vida, rúa do Romaño, rúa do Avío, rúa dos Camallóns e rúa de Romero Donallo.

Javier Fernández destacou, sobre todo, as actuacións realizadas durante o mes de agosto, onde sinalou "o tempo acompañounos", que tiveron un custe, IVE incluído, de 150.090,26 euros. Neste mes, segundo resaltou o concelleiro, actuouse sobre a entrada do Polígono de Costa Vella, unha intervención "longamente demanda pola veciñanza, coa que se lle deu unha solución aos problemas que presentaba". Neste momento confirmou que queda un orzamento de case 50.000 euros, destinado, sobre todo, ás urxencias que poidan xurdir ata final de ano.

LOTE 2

Ás actuacións do lote dous, de reparación de pavimento nos viais da contorna urbana, destináronse, ata o de agora, 203.321,23 euros; que permitiron actuar sobre unha superficie de 3.772,50 metros cadrados, repartidos en 110 rúas da cidade. Javier Fernández explicou que se actuou tanto sobre incidencias puntuais, como sobre beirarrúas completas. Neste momento, estase intervindo en San Lázaro, e a continuación tócalle aos barrios das Fontiñas e Vite. Queda, ata final de ano, un orzamento de case 80.000 euros que tamén servirá para cubrir as urxencias que se vaian detectando.

O concelleiro aclarou que boa parte destas actuacións responden a "necesidades que imos detectando personalmente nas visitas aos distintos barrios", ou a incidencias "que nos comunica a veciñanza a través de diferentes vías". Javier Fernández animou á cidadanía, cando detecten algunha incidencia, a porse en contacto co seu departamento a través das canles habilitadas ao efecto, "que para iso estamos, para resolvelas".

PREGUNTAS

A preguntas sobre as obras nos muros de Fontiñas, Costiña do Monte e Pombal, Javier Fernández, explicou que "no de Fontiñas xa se asinou a acta a semana pasada, o de Costiña do Monte está en proceso de licitación, e no caso do Pombal estamos en negociacións cos propietarios porque é unha propiedade privada". Sobre o estado das obras na rúa Campoamor, indicou que "esperamos, ao longo deste mes, poder aperturar o vial".

Documentos relacionados



Compartir: