ACCIÓN CULTURAL

Santiago acolle esta semana distintas actividades do Delas Fest, que renova a súa aposta cun programa máis longo e diversificado

08/09/2020 Compostela acolle, este semana, a terceira parada da ruta itinerante do Delas Fest, que se desenvolve, desde o 24 de agosto ao 20 de setembro, en diferentes espazos do noso concello e de Teo, Ames e Brión. Un festival que, segundo explicou a concelleira de Acción Cultural defínese cos valores de feminismo, solidariedade, compromiso e creación. Mercedes Rosón realizou estas declaracións na presentación das distintas actividades programadas, na que tamén interviron o secretario xeral de Políticas Lingüísticas, Valentín García; Clara Cordeiro, comisaria do festival; e Xoana Almar, a muralista que realizará a intervención artística en Santiago.

Clara Cordeiro enumerou ditas actividades. Das que se van realizar en Santiago destacou o mural que Xoana Almar comezará a pintar mañá mércores, 9 de setembro, no complexo deportivo de Santa Isabel, na Rúa da Travesa; e o obradoiro "Realismo na pintura mural" que se desenvolverá o venres, día 11 e o domingo día 13, de dez da mañá a dúas da tarde; e que será impartido polo colectivo Dúo Amazonas nese mesmo espazo deportivo. Tamén resaltou a xornada de análise e creación colectiva "Mulleres e cultura urbana", que terá lugar o sábado, día 12, en horario de 10:00 h. a 14:00 h. e de 17:00 h. a 20:00 h. na cidade da Cultura. As prazas son limitadas e as persoas interesadas pódense inscribir neste enlace, no que se atopa toda a información de Delas Fest.

Mercedes Rosón convidou a cidadanía a asistir aos distintos actos programados, destacando que se trata do primeiro festival feminista de arte urbana e contextual que se celebra en Europa; porque é un proxecto "que nace da experiencia tan enriquecedora da cooperación; un proxecto colectivo cofinanciado mediante crowfounding, coa axuda de distintas entidades, entre elas este concello de Santiago"; pola perspectiva de xénero que presenta, "tan necesaria no actual contexto político para contrarrestar o discurso radical da ultradereita"; polas disciplinas artísticas que se presentan; e polas interesantes actividades que se van desenvolver. Á presentación do Delas Fest en Santiago tamén asistiu a concelleira de Deportes, Esther Pedrosa.

Organización
Delas Fest é un proxecto pioneiro organizado por 7H Cooperativa Cultural co obxectivo de democratizar a expresión artística na rúa e contribuír ao combate das desigualdades materiais e simbólicas que sofren as mulleres que crean no espazo público. Malia a complexa situación que atravesa o sector cultural coma consecuencia da crise do coronavirus, a gran acollida e impacto da experiencia inaugural, celebrada en decembro de 2019 cun cento de participantes, alentou ao equipo promotor a sortear a incerteza e as dificultades económicas dotando á solidariedade horizontal e á colaboración colectiva dun protagonismo clave na sostibilidade do proxecto.

Grazas ao éxito da campaña de mecenado na plataforma Goteo.org, na que se involucraron preto de 400 persoas, así como ao apoio dos concellos de Santiago, Ames, Teo e Brión; aos patrocinios de Cuarto Pexigo, Fundación Didac, Montana Colors, Gadis e Ibersa; e á colaboración da Cidade da Cultura, o Delas Fest non só repite na axenda da arte urbana galega senón que reforza a súa aposta pola xeración de espazos que favorezan a igualdade de xénero no sector cunha programación máis ambiciosa.

O festival, que neste 2020 estende a súa duración (de unha a catro semanas) e o número de municipios involucrados (de tres a catro) respecto á edición do pasado ano, presenta un programa de actividades composto por unha intervención artística e un obradoiro de creación en cada un dos concellos; encontros de convivencia entre colectivos, asociacións veciñais e artistas; e a xornada de análise e creación colectiva "Mulleres e Cultura Urbana" que, organizada ao abeiro do Fondo de Proxectos Culturais Xacobeo 2021, ofrecerá sesións de faladoiros e debate, unha jam de improvisación pictórica con spray e o concerto de High Paw.

Artistas convidadas
Fronte o apenas 19% de nomes femininos que, de media, asinan obras nos festivais españois en activo cun mínimo de cinco edicións, o Delas Fest aposta por un cartel feminista composto integramente por mulleres especialistas en diferentes técnicas e estilos artísticos.

As intervencións murais serán realizadas por Lidia Cao (Galicia) en Teo; Fitz Licuado, integrante do Colectivo Licuado (Uruguai), en Ames; Xoana Almar, compoñente de Cestola na Cachola (Galicia), en Compostela; e Susana Blasco (Aragón) en Brión. En cada un destes municipios, do mesmo xeito que no I Delas Fest, as coordinadoras do festival promoverán o carácter contextual das pezas a través da organización de encontros entre as artistas e representantes do tecido social e veciñal, quen achegarán ás creadoras á historia e idiosincrasia de cada espazo a intervir co obxectivo de que o resultado final non resulte alleo nin á poboación nin ao contexto dos distintos territorios.

De forma paralela aos traballos murais, cada concello acollerá, ademais, un obradoiro de creación, que será impartido por Lupita Hard (Galicia) en Teo; o colectivo Dúo Amazonas, conformado por Natalia Andreoli (Arxentina) e Lina Castellanos (Colombia), en Santiago; e polo equipo de 7H Cooperativa Cultural en Ames e Brión.

Programa de actividades en Santiago de Compostela
-Martes 8 de setembro: Encontro entre a artista Xoana Almar e A Xuntanza Asociación Veciñal do barrio de San Pedro.
-Mércores 9 de setembro, inicio da intervención artística da muralista Xoana Almar no Complexo Deportivo de Santa Isabel (R/ da Travesa de Santa Isabel, s/n).
-Venres 11 e domingo 13, de 10 a 14h, obradoiro de "Realismo na Pintura Mural" impartido polo colectivo Dúo Amazonas no Complexo Deportivo de Santa Isabel (R/ da Travesa de Santa Isabel, s/n). Prazas limitadas.
-Sábado 12, de 10 a 14h e de 17 a 20h. Xornada de análise e creación colectiva "Mulleres e Cultura Urbana" na Cidade da Cultura de Galicia. Inscricións na web da Cidade da Cultura. Prazas limitadas.

Compartir: