POLÍTICAS SOCIAIS

Asinados os convenios con Agadea, Proxecto Home e Don Bosco por preto de 80.000 euros

08/09/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, formalizou a sinatura dos convenios de colaboración coas entidades Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA), Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home e a Escola de Tempo Libre Don Bosco.

En total a achega é de 78.619,55 euros repartidos do seguinte xeito: 3.390,20 para AGADEA; 62.170 euros, á Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home; e 13.059,35 euros con destino ás actividades do Centro Don Bosco.

Asociación Galega para a Axuda dos Enfermos con Demencia tipo Alzheimer (AGADEA)
Con cargo a este convenio a entidade desenvolve o programa GEA-Grupo De Envellecemento Activo, que ten como obxectivo o de estimular a nivel cognitivo, funcional e social a persoa con deterioro cognitivo moi leve ou sen deterioro a través de actividades específicas.

Ditas actividades estarán previamente programadas polo persoal técnico encargado de desenvolvelas, de forma diaria ou semanal, e realizaranse unha vez á semana. As actividades están destinadas á estimulación cognitiva grupal, na que se traballa a atención, a memoria, a linguaxe, e outras funcións executivas; e por outro lado, á estimulación funcional, que supón traballar a psicomotricidade, xerontoximnasia, e as actividades básicas da vida diaria. A maiores, realizaranse outras actividades lúdicas.

O programa nace como necesidade de ofertar servizos non farmacolóxicos á poboación, como unha forma de previr o deterioro cognitivo grave ou demencia. O programa levarase a cabo durante o ano 2020 de forma semanal.

Fundación Monte do Gozo-Proxecto Home
Inclúese no convenio o desenvolvemento do programa específico deseñado para favorecer a rehabilitación e reinserción social de persoas adictas aos psicoestimulantes, fundamentalmente a cocaína, que manteñen a súa estrutura familiar, social e laboral, ou que poden recuperar estas redes sen demasiadas complicacións e cun nivel de adicción que poida permitir a ruptura co mundo das drogas dentro dunha nova perspectiva de acceso ao traballo e de responsabilización da súa vida desde o primeiro momento.

O obxectivo xeral é favorecer que as persoas usuarias adquiran unha motivación progresiva que se inicia na abstinencia e se fortalece na adquisición dun estilo de vida saudable e satisfactorio que lle permita á persoa usuaria un equilibrio no seu mundo sen necesidade dun illamento temporal.

Escola de Tempo Libre Don Bosco
O convenio financia o proxecto de intervención educativa e integración no tempo libre "Un lugar para ti". Debido á COVID-19 xurde, máis ca nunca, a necesidade de programas de conciliación para as familias, especialmente as máis vulnerables, e a necesidade de intensificar accións para que os rapaces e as rapazas e adolescentes de colectivos vulnerables non perdan o tren da educación e da formación.

Este proxecto vai enfocado nunha parte a cubrir esas necesidades de educación e formación, e doutra, a tratar de facilitar a conciliación para esas familias que ven o verán como unha oportunidade de retomar e reorientar a súa vida laboral.

O proxecto está dirixido a rapaces e rapazas de entre os 4 e os 17 anos coa idea de facer do tempo libre unha ferramenta educativa e de adquisición de diferentes valores. Un espazo para o desenvolvemento de actividades que fomenten a convivencia, a tolerancia dentro dun contexto atractivo e divertido para eles e elas. Por iso, as vacacións escolares e as tardes dos períodos lectivos son os momentos onde se desenvolven as actividades. Nas tardes do calendario escolar ofrécese ademais un programa de reforzo escolar. As persoas destinatarias prioritarias son rapaces e rapazas que se encontran dentro do sistema de protección de menores en diferentes casas de acollida da cidade, os/as derivados/as polos servizos sociais municipais e rapaces e rapazas de familias inmigrantes ou pertencentes a etnias minoritarias. Preténdese que estes/estas destinatarios/as convivan co grupo de rapaces e rapazas en situación de normalización que tamén participan nas actividades, converténdose deste xeito, en espazos de prevención da exclusión social.

Compartir: