MOBILIDADE

O xoves 10 de setembro comeza o horario de inverno na rede de transporte público de Santiago de Compostela

08/09/2020 Este xoves día 10 de setembro entrarán en vigor os novos horarios de transporte urbano correspondentes á tempada de inverno.

Cómpre destacar que non mudan os horarios con respecto ás anteriores tempadas de inverno, dado que a pesar da importante baixada no número de usuarios, debido evidentemente á situación derivada da crise sanitaria xerada pola COVID19, o Concello entende necesario, unha vez se retoma a actividade escolar, manter o mesmo nivel de servizos que garantan a mobilidade das persoas.

Así mesmo, reforzaranse os servizos a zonas escolares, para evitar a saturación dos mesmos que se viña producindo nas horas puntas.

Desinfencción dos vehículos
Os vehículos son desinfectados e ventilados e contan con xel hidroalcólico. Con todo, unha vez máis, a Concellería de Mobilidade apela á responsabilidade individual, lembrando o uso obrigatorio da máscara, sin a cal non se poderá viaxar no autobús. Tamén fai un chamamento a ocupar a totalidade do espazo do autobús, evitando as concentracións nas partes dianteiras e centrais.

Nos vindeiros días facilitarase a modificación de horarios no folleto impreso habitual, e realizarase a substitución da cartelería nas paradas da cidade. Toda a información pode consultarse na web de Tussa.

Compartir: