EDUCACIÓN

O alcalde e os directores dos CEIPs da cidade abordan nunha xuntanza as medidas a adoptar nos comedores escolares para cumprir coas normas anti-COVID

07/09/2020 Os directores e directoras dos 13 centros de educación infantil e primaria do municipio asistiron esta mañá a unha reunión co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, que estivo acompañado pola concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, e a técnica do Departamento de Educación, Beatriz Varela.

A organización dos comedores escolares de cara a afrontar este novo curso escolar en condicións de seguridade centrou a reunión, que o alcalde cualificou de "produtiva e, desde logo, moi participativa". Desde as 11.15 h ata preto das 15 h, os responsables dos colexios trasladaron ao rexedor os problemas de cada centro á hora de cumprir coas medidas para a prevención da COVID.

Instrución municipal
"A xuntanza serviu para sacar unha serie de conclusións que se inscribirán nunha instrución que se dictará entre mañá e pasado", avanzou Sánchez Bugallo, que recalcou que se traballa co obxectivo de que os comedores escolares poidan empezar a funcionar o propio día 10. Sinalou o rexedor que para isto "é moi importante poñer en práctica todas as medidas de seguridade requiridas polas instrucións dadas pola Consellería e tamén que poidamos coñecer o dato exacto dos nenos e nenas que se van acoller, alomenos inicialmente, aos comedores".

Servizo de recollida dos menús no colexio
O alcalde anunciou que se porá en marcha un servizo pensado para aqueles pais e nais que prefiran non levar os seus fillos ao propio comedor do colexio ou por se o centro non dispón de prazas suficientes. Nestes casos facilitaráselles o menú para levar.

Agradecemento aos directores e directoras dos centros
Sánchez Bugallo quixo facer especial fincapé no importante esforzo que están a despregar os directores e directoras dos centros educativos de Santiago: "quero expresarlles o meu agradecemento pola súa participación e polo traballo que desenvolveron planificando o curso escolar. Creo que é excelente e que reflicte un gran nivel de dedicación".

Á xuntanza asistiron os directores dos CEIPs Apóstolo Santiago, A. Casas Novoa, Quiroga Palacios, As Fontiñas, López Ferreiro, Roxos, Vite, Lamas de Abade, M. Rodríguez Xixirei, Monte dos Postes, Pío Xii, Raíña Fabiola e Ramón Cabanillas.

Compartir: