ACCIÓN CULTURAL

A Noite do Patrimonio e a Semana do Patrimonio Invisible abren ao público as portas dos tesouros da cidade

07/09/2020 A próxima semana celébranse a Noite do Patrimonio e a Semana do Patrimonio invisible, dúas actividades destinadas a poñer en valor a riqueza arquitectónica e cultural de Santiago. A Noite do Patrimonio, organizada no marco das actividades do Grupo Cidades Patrimonio de España celébrase o día 12. Pola súa banda, a Semana do Patrimonio Invisible celebra a súa terceira edición do 14 ao 18 de setembro, ofrecendo máis de medio cento de visitas a espazos habitualmente pechados ao público.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou esta mañá a programación vinculada á Semana do Patrimonio Invisible e a Noite do Patrimonio, acompañada do deputado provincial de Cultura, Xurxo Couto, e de César Abella de Trivium, a entidade que organiza as visitas guiadas. Tanto a Noite como a Semana do Patrimonio inclúen actividades destinadas a salientar o patrimonio histórico da cidade, tanto o material como o inmaterial, incidindo especialmente naqueles espazos habitualmente pouco accesibles ao público.

A Noite do Patrimonio
Organizada polo Grupo de Cidades Patrimonio de España, a Noite do Patrimonio, que se celebra o día 12 simultaneamente nas Cidades Patrimonio da UNESCO, celebrarase cunha serie de visitas guiadas aos obradoiros de artesáns, o Taller SAR, Noroeste Obradoiro e mais o obradoiro de Susi Gesto Ourive, onde os artesáns explicarán os seus procesos de traballo. Haberá tamén unha visita guiada ao Colexio dos Irlandeses e un itinerario teatralizado, centrado na figura do arquitecto Domingo de Andrade, dirixido un público familiar.

A Noite péchase coa estrea absoluta da obra de danza ‘Conjurando lo invisible’ de Aïda Colmenero, ás 20.30 horas no Museo do Pobo Galego; unha proposta na que a artista, acompañada de cantos populares galegos, conxura e reza con aquilo que non se ve, o invisible, as voces e presenzas ancestrais, non palpables, pero que sempre estiveron aí, cunha proposta que pretende encher o espazo de voces femininas, unha oración-canto-mantra ao mundo de respecto dos que rezan. Este espectáculo será retransmitido por streaming a través da web:https://lanochedelpatrimonio.com e na web e redes sociais da UNESCO.

Todas as actividades son gratuítas. Pode consultarse a programación e as reservas na web www.compostelacultura.gal

A Semana do Patrimonio Invisible
Pola súa banda, nesta nova edición da Semana do Patrimonio, organizada pola Concellería de Acción Cultural co apoio da Deputación da Coruña, realizaranse un ciclo de visitas guiadas a edificios e espazos que normalmente están fechados ao público. Ante o éxito acadado nos anos anteriores, o calendario amplíase de xeito notable, cun total de 50 visitas guiadas ofertadas a diversos espazos da cidade. Algúns deles recuncan diante da demanda do público para coñecelos, como é o caso do Pazo de Ramirás- Colexio dos Irlandeses, o Hostal dos Reis Católicos, o Hospital de San Roque, a Casa Gótica, o Pazo de Amarante ou a Capela das Ánimas. Este ano, ademais, inclúense novos espazos como o Colexio de Fonseca (que inclúe a visita ao Salón Nobre e a Biblioteca América), a Fundación Laboral da Construción, o edificio da Sede SGAE e unha visita especial aos mananciais medievais de Compostela.

Os grupos de visita serán reducidos a un máximo de oito persoas, para poder garantir en todo momento as distancias. Todas as visitas son gratuítas pero é preciso reservar praza a partir do mércores 9 na páxina web da Semana do Patrimonio Invisible: https://patrimonioinvisible.gal/reserva-a-tua-praza

Compartir: