AUDITORIO DE GALICIA

A pianista rusa Valentina Igoshina chega a Santiago para acompañar á Real Filharmonía de Galicia

07/03/2007 O mestre Ros Marbá ponse de novo ao fronte da Real Filharmonía nun concerto protagonizado pola pianista rusa Valentina Igoshina, que interpretará o "Concerto para piano nº 21", de Mozart. Será o xoves 8, nun novo concerto do programa de abono do Auditorio de Galicia.

Aos seus 28 anos, Igoshina conta con dous dos máis recoñecidos premios internacionais, o Sergueï Rachmaninov Competition (1997) e o Queen Elizabeth Competition (2003). Trátase dunha oportunidade única de disfrutar dunha pianista que, segundo os expertos, promete un futuro de éxito.

Valentina Igoshina comezou os seus estudos co afamado profesor e director do Conservatorio Tchaïkovsky de Moscú, Sergueï Dorensky. Os seus inicios foron xa prometedores, e os seus concertos sucedéronse en Reino Unido, primeiro, para continuar con xiras por Australia, Suíza ou Italia. Ultimamente foron moi celebrados os seus concertos no Festival Radio, de Montpellier e o Festival Chopin, en Nohant.

Ten feito diversos traballos para prestixiosas firmas coma a Warner Classics para quen gravou un concerto dedicado a Mussorgsky, "The pictures at the exhibition", e outro a Schumann, "The Carnaval".

Igoshina leva unha estreita relación co cineasta Tony Palmer, co que grabou a música dos seus filmes "The Harvest of Sorrow" e "The Strange Case of Delphona Potocka".

Rodrigo e Strauss

Abrirá o programa deste concerto "Zarabanda lejana y villancico", de Joaquín Rodrigo, e pecharao "O burgués xentilhome", ópera nun acto con prólogo, composta por Richard Strauss para una representación desta obra de Molière. Trátase dunha suite orquestral que se ven tocando en concertos dende 1920. Este mesmo programa será interpretado o venres 9 de marzo no Auditorio Municipal de Ourense.

Compartir: