EDUCACIÓN

A concelleira Noa Díaz despídese do Pazo de Raxoi facendo balance da súa xestión

02/09/2020 A edila de Educación, Mocidade, Igualdade e Políticas Lingüísticas deu conta en rolda de prensa da súa acción á fronte dos devanditos departamentos dende a súa toma de posesión. A súa renuncia como concelleira formalizarase no pleno extraordinario que terá lugar o vindeiro venres, 4 de setembro.

Noa Díaz comenzou a súa intervención cunha mensaxe de agradecemento a todo o persoal técnico que formou parte dos catro departamentos: "Bea, Leo, Cris, Susana, Lourdes, Sara, Reyes, Lili e Loles; Soco e Marta; Enrique, Manuel e Noela; e Teresa, Loli, Gloria, Chus, Ricardo, Amparo e Lourdes. Sen vós unha concelleira non é nada. O mellor que ten este Concello son as persoas, sen dúbida, e eu tiven a fortuna de traballar cos mellores". A concelleira fixo estensivas as grazas ao resto do persoal, ao seu equipo, ao grupo de goberno, á corporación municipal ao completo e á cidadanía de Compostela.

"Cando cheguei a este posto dende o meu traballo como xornalista na Universidade traía unha lista inmensa de retos, de proxectos, ordenados por prioridades", sinalou a edila, que lamentou non ter tido tempo para levalos todos a cabo, "e inda por riba nos sobreveu a pandemia que o mediatizou todo".

Xestión durante a COVID-19
Algúns dos seus departamentos son os que máis de preto están a lidiar coas consecuencias da COVID-19: "dende o Departamento de Educación garantimos o servizo de comedor escolar aos nenos e nenas que gozaban dunha bolsa aínda que os colexios estaban pechados; fornecimos de equipos informáticos e conexión de internet a aquelas familias que colexios e entidades sociais do Concello nos indicaron que tiñan dificultades para continuar co curso; ou eximimos do pago das mensualidades das escolas infantís e da Escola Municipal de Música a pesar de que continuaron prestando servizo de maneira virtual. Pero ademais pensamos nas mulleres, esas mulleres que ían ter que convivir co seu maltratador baixo o mesmo teito e durante un tempo indefinido e eterno, e para elas ampliamos o servizo de asistencia do Centro de Información á Muller e coordinamos unha campaña institucional de apoio a elas e de reclamo á cidadanía para non deixalas soas. Para a xente moza, coordinamos dende o Centro Xove numerosas actividades en liña que contaron cunha moi alta repercusión, do mesmo xeito que se fixo dende Lingua. Pero é que tamén a Escola Municipal de Música, que continuou coa súas clases de maneira virtual nos agasallaba de cando en vez con pezas audiovisuais que daban conta do grandísimo traballo feito neses momentos e para os que non estabamos nin estaban preparados".

Lingua
Á marxe da pandemia, a concelleira fixo un repaso das actuacións realizadas en cada un dos departamentos. En Lingua "démoslle un forte impulso ao Programa Apego cunha fortísima aposta polo Centro Apego do Ensanche no que organizamos múltiples actividades para os máis pequenos ou cursos de acollemento lingüístico para persoas estranxeiras, que mentres poden deixar ás súas fillas e fillos en actividades de inmersión lingüística simultáneas".

A continuidade dos programas de Regueifas, Youtubeir@s, o Premio Manuel Beiras, ser partícipe da constitución da Asociación de Entidades locais pola Lingua, ou a elaboración, grazas á colaboración do concello de Ames, dun manual de lingua para ritos funerarios foron outras das actuacións salientadas pola concelleira. "Agora o Departamento está inmerso, entre outros proxectos, na administración electrónica coidando moito a utilización de linguaxe non sexista e xa por fin adaptada ás novas realidades familiares", incidiu Díaz.

Mocidade
"Do que me sinto máis orgullosa é de dar o pulo definitivo para a mellora e acondicionamento dos locais de ensaio e da Nave da Almáciga. Puxemos moito empeño para que en canto estivese dispoñible a partida orzamentaria comezar coas obras para que a xente nova poida saír canto antes do estadio de San Lázaro e gozar dese novo espazo no centro da cidade".

Neste departamento foron moitos os proxectos que se viron truncados pola irrupción da pandemia, pero dous deles "tiñan para min especial interese" e eran a loita contra a ludopatía e as casas de apostas na mocidade e a prolongación do Boas Noites a moitas máis xornadas. "Agardo que continúen, e seguro que así será". Teatro Foro, Hortalízate, diversas colaboracións en exposición e proxectos múltiples, a reactivación do Consello Municipal da Mocidade, cursos e seminarios… "en definitiva, un sinfín de actividades pensadas para unha xeración que, lonxe de ser unha xeración despreocupada, chega con moitos intereses e valores e con gañas de participar na vida da cidade que agora poderán facer na Nave da Almáciga cuxo contrato se licitou hai poucos meses".

Igualdade
Deste departamento a concelleira quixo salientar "a labor que diariamente realiza o equipo do CIM asesorando e acompañando a mulleres e que, como xa dixen, reforzaron durante a pandemia. Ese equipo leva ademais un tempo realizando un estudo de campo sobre a situación das mulleres trans en contextos de prostitución do noso concello entrevistándose coas entidades que traballan con elas".

No eido da muller Noa Díaz fixo fincapé na materialización da entrada do Concello no sistema Viogen, "para o que teño que agradecer a motivación e empuxe da Policía Local"; a posta en marcha do Consello Municipal da Muller, "en breve"; a organización dos actos do 25N coa campaña Compostela en Negro á cabeza e este ano centrada na educación; ou a continuación e potenciación dos ciclos da muller no rural. Arredor do 8 de marzo, ademais de varias accións paralelas, organizouse o ciclo Artellando Feminismo, con relatorios e debates sobre feminismo que tiveron que ser reformulados para reconvertelo a un formato virtual por mor da pandemia. "Hai tamén un proxecto que agardo que en breve vexa a luz de feminización do noso patrimonio cultural do que non vou dar detalles e, por último, conseguimos lanzar tres contratos enmarcados no Programa Edusi que estaban programados polo anterior equipo de goberno e que nós reformulamos para adaptalo ao que considerabamos máis axeitado e que sen dúbida serán non só un balón de osíxeno para un departamento que non pode coa carga de traballo que ten senón que contribuirán a esa Compostela territorio das Mulleres que asumimos: programa de educación afectivo sexual para os centros escolares (como se alongaba no tempo, continuamos co ciclo Melibea), de xestión da programación da Casa Xohana Torres e outro de xestión do proxecto Territorio das Mulleres".

No eido das políticas LGTBI destacou accións de visibilización, "aínda que estabamos traballando moi ben antes da pandemia noutros proxectos de maior calado en colaboración co colectivo da cidade". Fundamentalmente, "en materia LGTBI colgamos por vez primeira dos balcóns de Raxoi a bandeira trans, organizamos un Orgullo este mes de xuño moi diferente contando coa participación de artistas galegos sensibilizados coa causa ademais de organizar un debate sobre a cuestión trans ou a realización dun vídeo no que se mostra unha Compostela orgullosamente diversa. Pintamos tamén de maneira permanente os pasos de peóns de Porta Faxeira e Porta do Camiño para dar visibilidade ao colectivo e así, efectivamente, gritar que somos unha cidade que ama a diversidade. En breve poñerase tamén en marcha o Consello Municipal LGTBI".

Educación
"A maior mágoa que levo é ter que marchar a 4 de setembro, cun curso moi complexo a 6 días de comezar. Levamos traballado moitísimo estes últimos meses, e o último que quixera é que todo ese esforzo caera en saco roto ou mesmo que a cidadanía non soubese de todo ese esforzo, fundamentalmente dun equipo de mulleres que diariamente se deixan a pel no edificio do Cersia". Díaz quixo resaltar que "É unha área moitas veces ingrata, outras gratísima, pero cando aparece unha pandemia destas características e nos colle a todos por sorpresa crédeme que non é doado nin tomar decisións nin organizar cuestións que afecten a tantísimas familias e que requiren dunha colaboración institucional inxente e transversal. Coñezo ben ese departamento, e sei que nas responsabilidades que lle tocan a esta administración, a xestión vai ser impecable".

Ademais, e xa fóra do relacionado coa pandemia, "lanzamos o contrato do servizo de comedor e madrugadores, o da Ludoteca de Fontiñas, é inminente o da Escola Municipal de Música e está moi avanzado xa o de Conserxería e Limpeza".

Tamén houbo tempo para o aspecto pedagóxico e púidose organizar "unha xoia deste concello" como é a campaña de animación á lectura xunto co premio de Álbums Ilustrados. "Non quero rematar este apartado sen agradecer tamén o talante e a boa disposición de toda a comunidade educativa do Concello, dende escolas infantís a CEIPs, escolas rurais, institutos, centros de FP e centros de Educación Especial".

Compartir: