ALCALDÍA

Reactívase o CECOPAL, que se reunirá semanalmente

01/09/2020 O órgano municipal de supervisión da situación provocada pola COVID-19, o CECOPAL, volveu quedar constituído esta mañá baixo a presidencia do alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo. As xuntanzas terán lugar os martes de cada semana.

No CECOPAL (Centro de Coordinación Operativa Municipal) están presentes, ademáis do alcalde, os concelleiros de Urbanismo, Vivenda e Cidade Histórica, Mercedes Rosón; de Políticas Socias, Medio Ambiente e Parques e Xardíns, Mila Castro; de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; e de Economía, Facenda, Persoal e Contratación, Marta Abal. Así mesmo, forman parte do devandito órgano os responsables da Policía local, Bombeiros, Protección Civil, Comunicación e o vicesecretario municipal. Tamén asiste ás xuntanzas, que combinan a parte presencial coa telemática, a responsable local de Cruz Vermella.

Nesta primeira xuntanza trala súa reactivación, avaliouse a situación no Concello e o estado dos diferentes servizos municipais. A Policía local puxo de manifesto que dende xullo ata o de agora se tramitaron 48 propostas de sanción por non empregar a máscara.

A constitución do CECOPAL está regulada no Plan de Emerxencias Municipal (PEMU) e ten a súa sede na Policía local de Santiago. Activouse inicialmente coa aprobación do Estado de Alarma e rematou as súas xuntanzas a finais de xuño.

Compartir: