XUNTA DE GOBERNO

O Concello aproba convenios con entidades sociais por máis de 200.000 euros

24/08/2020 A Xunta de Goberno local, presidida polo alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu o visto bo á sinatura dos convenios con Cáritas, ASPAS, a Cociña Económica e a Fundación Secretariado Xitano por valor de 209.000 euros, entre outros asuntos, como a convalidación de gastos ou a solicitude dunha subvención para a biblioteca José Saramago.

A proposta da concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, aprobáronse os convenios de colaboración para 2020 con catro entidades sociais da cidade. A achega a Cáritas Diocesana será de 120.000 euros; á Asociación de pais de persoas con discapacidade intelectual (ASPAS) correspóndenlle 6.000 euros; 60.000, para a Cociña Económica e 23.000 con destino á Fundación Secretariado Xitano. Estas achegas teñen por obxecto o financiamento das actividades presentadas por cada unha das mencionadas entidades a realizar durante este ano.

Tamén se acordou solicitar á Consellería de Cultura e Turismo, na convocatoria de carácter extraordinario para o ano 2020, dúas subvencións por importe de 3.500 e 5.000 euros para a dotación de novidades editoriais en galego, en formato físico, con destino á biblioteca pública municipal José Saramago.

Por último, a Xunta de goberno deu luz verde á convalidación e ao recoñecemento extraxudicial de créditos relativos a gastos nos meses de xuño e xullo por prestación do servizo de subministración de alimentos e productos de hixiene básicos a persoas en situación de vulnerabilidade social por mor da COVID-19 a favor das empresas Vego, Día, Carrefour e Mercartabria.

Documentos relacionados



Compartir: