ACCIÓN CULTURAL

A MICE celebra a súa 15ª edición do 25 ao 29 de agosto cun formato que combina actividades presenciais e online

17/08/2020 O 25 ao 29 de agosto celebrarase a 15ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico (MICE), que contará cun formato mixto no que se combinarán as actividades online e presenciais. A Sección Oficial desta edición está composta por quince filmes, nos que destaca a presenza de obras europeas e asiáticas que pasaron por festivais como a Visions du Réel ou DocLisboa. Dez destes filmes terán na MICE a súa estrea española.

A 15ª edición da Mostra Internacional de Cinema Etnográfico – Museo do Pobo Galego, que terá lugar do 25 ao 29 de agosto en Santiago, reuniu esta mañá na súa presentación a Mercedes Rosón, concelleira de Acción Cultural; Jacobo Sutil, director da Agadic; Xurxo Couto, deputado responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña; e Ana Estévez, directora da Mostra. Tamén asistiu o director do Museo do Pobo Galego, Manuel Vilar.

Mercedes Rosón destacou que, para o Concello de Santiago, "é esencial dar espazo a iniciativas tan interesantes como a MICE e ao cinema etnográfico, proxecto e disciplina que non atopan oco nas programacións máis comerciais". A Mostra Internacional de Cinema Etnográfico recolle quince filmes a concurso coproducidos por 16 nacionalidades diferentes e nos que as obras de procedencia europea e asiática teñen especial relevancia.

A selección ofrece un panorama completo de traballos audiovisuais feitos no campo da etnografía e a antropoloxía visual dos últimos dous anos. Algunhas destas películas chegan á MICE co respaldo de ter pasado por prestixiosos festivais como o Doclisboa (caso de Terra, de Hiroatsu Suzuki e Rossana Torres), o Tribeca’s Contemporary Art Fair (o filme 11,565 Kilometres Project, de Beichen Zhang) ou Cinéma du Réel (Hamada, do director galego Eloy Domínguez Serén). Dez dos quince filmes veranse por primeira vez en España e un terá nesta 15ª edición a súa estrea galega.

Ana Estévez, directora da MICE, apuntou tamén que nesta edición de 2020, a mostra recibiu máis de 1.300 inscricións, das cales se fixo unha selección moi rica que trata temas sociais, culturais e persoais dende perspectivas distintas, que van dende o documental autoetnográfico (Au printemps tu verras), o traballo con material de arquivo (Research/Souvenir - Dialogues) ou a inserción da cineasta na comunidade (Quartier Nomade).

Xurado e premios
O xurado estará formado por Jorge Moreno (antropólogo, cineasta e director do proxecto Mapas de Memoria); Iván Cuevas (xornalista, filólogo e fundador do Cineclub de Compostela) e Xisela Franco (cineasta, documentalista e profesora). Eles farán entrega dos premios á Mellor Película e á Mellor Película Galega, dotados con 1000 e 700 euros, respectivamente. Pola súa banda, a Asociación Galega de Antropoloxía, formada este ano por Bibiana Martínez, Carlos Diz e Joan Roura, entregará o premio AGANTRO á excelencia antropolóxica, cun premio dotado con 500 euros e trofeo. Os e as asistentes tamén outorgará o Premio do Público. Para esta edición, na que se poderá ver parte da programación en liña, habilitarase un sistema de votación por internet.

Por mor da nova situación sanitaria, a MICE presenta este ano un "formato de difusión online e presencial en diferentes puntos da cidade, na que o público asistente estará nun entorno seguro, con protocolos de seguridade e prazas reducidas", apuntou Jacobo Sutil, director de AGADIC. Sutil tamén fixo fincapé en que a Administración seguirá apoiando o sector audiovisual como xa o fixo coas modificacións realizadas na parte de festivais do Plan de reactivación dos sectores cultural e turístico.

A MICE combinará proxeccións en liña dos filmes internacionais cos pases presenciais dos filmes galegos a concurso na Sección Oficial. Nesta edición, a creación audiovisual galega está composta por Eu tamén necesito amar, de Antonio Caeiro; a xa mencionada Hamada, de Eloy Domínguez, e as curtas En la boca de la mina, de Brandán Cerviño, e Dende que chegou a luz, de Santiago Teijelo. Unha presenza galega que se estende ao resto da programación fóra da competición na sección Cinema Bonaval, coa estrea en Galicia de Xoves de comadres, de Noemi Chantada, logo do seu pase polo Festival de Málaga, ou a primicia do documental Dorothé na Vila, de Alejandro Gándara e Olaia Tubío, o xoves 27 ás 22:00 h. Unha película que segue os pasos, 40 anos despois, da musicóloga suíza Dorothé Schubarth na súa viaxe por Galicia a finais dos 70 para atopar as voces que recolleu e descubrir as súas historias de vida.

Singularidade e variedade temática
Por outra banda, Xurxo Couto, deputado responsable da Área de Cultura da Deputación da Coruña, recalcou que a MICE "é un festival singular que valora a lingua, a memoria histórica, que lle ofrece aos e ás espectadoras un cinema dende e para unha sociedade máis universal". Tamén destacou a visibilización das miradas das realizadoras, xa que máis dun 50% das películas que se proxectan na MICE están realizadas por mulleres.

A directora da 15ª MICE, Ana Estévez, afondou na programación da Mostra destacando que a programación non competitiva recupera, na medida do posible, as liñas temáticas que ían centrar as seccións Trazas e Impropias, adiadas ao 2021: a oralidade e a memoria histórica e das mulleres. Nestas proxeccións, agrupadas no Parque Bonaval, pasaranse Las Cinéphilas, da arxentina María Álvarez, documental premiado no OUFF de 2017; De monstruos y faldas, da realizadora e docente Carolina Astudillo; ou Santa Baia de Montes, a primeira curta da ourensá Sabela Souto. Por último, Estévez recalcou "o carácter gratuíto das proxeccións e o reparto da programación en diferentes espazos". As entradas para as sesións de Numax poderán retirarse previamente dende hoxe, luns 17 de agosto pola tarde, na súa billeteira. As sesións do Museo do Pobo Galego e do Cinema Bonaval poderán retirarse online a través da aplicación Vivetix.

Outras actividades
O público familiar e infantil de 7 anos en diante poderá acudir á programación presencial nas mañás do mércores 26 e xoves 27 de agosto no Museo do Pobo Galego. A sección MICE Petís ofrecerá unha sesión de catro curtas para o público máis novo seleccionadas por Marcos Nine (realizador e director artístico do festival Cinema Crianza). Tamén haberá programación en liña a través da canle de YouTube e a oportunidade de realizar un obradoiro de xoguetes ópticos e zoótropos no Vimeo do Museo do Pobo Galego coa asociación Espacio Rojo.

Na mañá do sábado 29 de agosto, ás 11:00 h, realizarase unha visita guiada á exposición temporal As Pequenas Cousas da man dun dos seus comisarios, Jorge Moreno Andrés. Esta edición da MICE trouxo por primeira vez a Galicia esta mostra, iniciativa de Mapas de Memoria, que recolle documentos, cartas e obxectos de persoas que foron perseguidas e represaliadas polo franquismo. A exposición, que estará aberta ao público ata o 20 de setembro, trata a memoria histórica pensada e construída dende a antropoloxía visual.

O sábado tamén terá lugar a actuación de Richi Casás no Claustro do Museo do Pobo Galego como peche á entrega de premios da MICE. A súa música conecta as raíces do tradición galega coas do jazz e está moi vencellada ás gravacións que a musicóloga Dorothé Schubarth fixo na súa Cerceda natal. Para esta sesión vermú, Casás vén cun formato reducido e íntimo acompañado da guitarra de Fran G. Galán. O concerto será de aforo limitado previa retirada de entrada.

Direcciones relacionadas



Compartir: