MEDIO AMBIENTE E URBANISMO

Xuntanza en Raxoi coa veciñanza de Marrozos

12/08/2020 As concelleiras de Medio Ambiente, Mila Castro, e de Urbanismo, Mercedes Rosón, mantiveron este mércores unha reunión cunha representación veciñal de Marrozos, para abordar o proxecto de instalación dunha planta de transferencia de residuos da construción nesta parroquia.

Tal como explicou a concelleira Mila Castro, trasladóuselle aos veciños e veciñas que "a licenza está aínda en tramitación" e que o Concello supervisará a mesma. Neste sentido, explicou que o Concello fará "todo o posible" para evitar que "en Marrozos poida darse unha situación como a de Miramontes", onde "aquelo empezou sendo unha cousa e terminou sendo outra".

As dúas concelleiras escoitaron as impresións dos veciños e veciñas de Marrozos, que xa tiñan entregado ao Concello un escrito con alegacións ao proxecto de construción dun vertedoiro de residuos da construción. Malia recoñecer que "hai unha lexislación vixente, cunha Lei do Solo que liberalizou o solo rústico de especial protección agropecuaria", Mila Castro insistiu en que "se buscarán os resquicios posibles para tratar que esa zona en Marrozos manteña a súa identidade".

Compartir: