ROLDAS DE PRENSA

O novo Servizo de Axuda no Fogar permitirá incrementar nun 30% as horas de atención

12/08/2020 A concelleira de Políticas Sociais, Mila Castro, deu conta das principais novidades do novo contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), agora en fase de licitación. O Goberno local duplicou o importe anual destinado a este servizo esencial, o que permitirá incrementar nun 30% o número de horas de atención, e introduciu outras melloras que favorecerán un funcionamento máis áxil do servizo.

Mila Castro defendeu a aposta do Goberno municipal por este servizo "prioritario", que se traduciu, en primeiro lugar, nun incremento anual dun millón de euros respecto ao actual contrato. "Tendo en conta que o contrato anterior, por dous anos, contaba cunha partida orzamentaria de 3.959.312 €, e que o contrato da nova licitación, por tres anos, dispón dun orzamento de 9.245.235 €, estamos a falar un incremento dun 56%", explicou.

Destacou tamén que este incremento da partida económica se traducirá nun aumento do número de horas dedicadas ao SAF, o que "permitirá abarcar máis poboación e cun servizo de maior intensidade". Neste sentido, cifrou o incremento de horas nun 30% respecto ao anterior contrato, citando subas como as das horas de podoloxía (de 20 a 30 h/mes), de perruquería (de 20 a 30 h/mes) ou a recuperación do servizo de fisioterapia. Ademais, segundo a concelleira, o novo contrato "incrementa porcentualmente o prezo da hora de prestación do servizo nun 18,64%, co obxectivo de mellorara a calidade na prestación do servizo".

A maiores, destacou a eliminación da división en lotes, polo que será unha única empresa a que se fará agora cargo do servizo. Así, explicou que "a división en lotes podía facer que, dependendo da realidade social do momento, a veciñanza non se atopara en situacións de igualdade. De feito, aclarou, "na actualidade atopámonos que o lote I chegou ao tope do contrato, non sendo posible dar novas altas, mentres o lote II ten dispoñibilidade económica para novas incorporacións".

Axilización do servizo
Outra das participantes na rolda de prensa foi a xefa de servizo de Políticas Sociais, Teresa Furelos, quen apuntou que se vén de por en marcha unha aplicación informática municipal para a xestión específica do SAF, que "inclúe un sistema de control de gasto que supón unha garantía para as persoas usuarias e para os/as profesionais que desenvolven a súa actividade, e por suposto, para a xestión e control do gasto público polos/as técnicos/as municipais".

Sobre o novo contrato, tamén destacou que se deixa de reter ás empresas un 0,5% para o financiamento dun control de calidade, que agora asume integramente o Concello. Ademais, suprímese unha cláusulas mediante a que as empresas se facían cargo da xestión do cobro do copago das persoas usuarias, tarefa que agora asumirá o Concello, cun importante investimento en recursos humanos e técnicos pola Administración municipal.

Elimínase igualmente toda a carga administrativa da empresa adxudicataria, polo que se poderán centrar integramente na atención, redundando do mesmo xeito nun mellor control do gasto público por parte dos técnicos e técnicas municipais.

Finalmente, Teresa Furelos salientou que coa declaración como servizo esencial do SAF durante o estado de alarma, logrouse que ningunha traballadora ou traballador fora obxecto de ningún ERTE ou despido.

434 persoas usuarias
Tamén participou na rolda de prensa a traballadora social Ana Ares, quen lembrou que o SAF ofrece ata tres modalidades de acceso na actualidade: o acceso directo, prioritario, para persoas que teñan recoñecida unha situación de dependencia, con actualmente 241 persoas beneficiarias; o acceso por libre concorrencia, para aquelas persoas que non teñan o recoñecemento da situación da dependencia, con 52 persoas beneficiarias; e o servizo temporal extraordinario decretado pola Xunta de Galicia a raíz do estado de alarma, que conta con 141 usuarios/as. Así, a día de hoxe, o SAF conta con 434 persoas usuarias, cifra que cambia case a diario en función de altas e baixas.

Neste 2020, ata 31 de xullo, tíñanse prestado 62.799 horas na modalidade de dependencia, 5.829 na modalidade de concorrencia, e 4.669 horas no servizo extraordinario e temporal autonómico, posto en marcha a finais de marzo e que continúa aberto na actualidade.

En calquera caso, tanto a concelleira como as técnicas municipais quixeron deixar claro que, aínda que existan listas de espera –que agardan reducir co novo contrato- en todo momento se atende a estas persoas, ofrecéndolles outras alternativas, como o mencionado servizo extraordinario, que é gratuíto.

Direcciones relacionadas



Compartir: