FESTAS

Santiago e Padrón renovan a súa irmandade un Apóstolo máis

28/07/2020 As festas do Apóstolo celebraron este martes o tradicional Día de Padrón en Santiago, no que as dúas vilas reforzan os seus fortes lazos de irmandade. Así sucede tamén, á inversa, na Pascua padronesa, se ben este ano non se puido realizar este encontro por coincidir co confinamento e o estado de alarma.

A Corporación compostelá recibiu a súa homónima padronesa diante dos soportais do Pazo de Raxoi, onde se produciu o intercambio de bastóns de mando entre os dous rexedores e os saúdos protocolarios. Logo, os/as representantes municipais de ambos os dous concellos dirixíronse ao salón vermello da Casa do Concello.

Sánchez Bugallo apuntou que "Santiago non se pode entender sen Padrón", grazas a "unha unión forxada no tempo sobre todo a través das persoas". O rexedor brindou a colaboración de Santiago "en todos os ámbitos" con Padrón e convidounos a desfrutar destas "especiais" festas do Apóstolo.

Pola súa parte, o alcalde padronés, Antonio Fernández Angueira, resaltou tamén a irmandade entre as dúas vilas e aproveitou para reivindicar unha ruta en crecemento como é a do Camiño de Santiago a Padrón, que permite obter a Pedronía.

Despois dos discursos, as dúas Corporacións saíron aos balcóns de Raxoi para escoitar as interpretacións das bandas municipais de música das dúas vilas.

Compartir: