ROLDAS DE PRENSA

Dezaseis alumnos/as formaranse no obradoiro de emprego "Santiago sustentable II"

27/07/2020 A Xunta de Goberno, na súa sesión ordinaria deste luns, aprobou as bases para a selección dos/das participantes no obradoiro de emprego "Santiago sustentable II". Ademais, adxudicouse a obra de reparación do muro entre as rúas de París e Luxemburgo, nas Fontiñas.

O Concello acordou a aceptación da subvención de 369.492 euros outorgada pola Concellaría de Economía, Emprego e Industria para a realización deste obradoiro de emprego "Santiago sustentable II". A achega municipal será de 27.470,04 euros.

Este taller terá unha duración de 12 meses e permitirá formar a 16 alumnos/as traballadores/as, que serán contratados baixo a modalidade de contrato para formación e aprendizaxe. O obradoiro está dirixido a persoas de 18 anos ou máis desempregadas, do concello de Santiago. As especialidades que se impartirán son "Desenvolvemento de aplicacións con tecnoloxías web e desenvolvemento de produtos audiovisuais multimedia interactivos"

Muro das Fontiñas
Ademais, a Xunta de Goberno adxudicou a obra de reparación do muro entre as rúas París en Luxemburgo, en Fontiñas, por un importe de 250.029,56 euros (IVE incluído).

Prazos da EMM
En materia educativa, aprobouse a relación definitiva de matrícula e lista de agarda na Escola Municipal de Música (EMM) para o curso escolar 2020-2021. Tal e como recolle o acordo de Xunta de Goberno Local de 24 de febreiro de 2020, as persoas deben estar empadroadas no Concello de Santiago ou cursar estudos da ensinanza obrigatoria ou estudos de grao medio, superior ou estudos universitarios en Santiago, polo que a admisión definitiva na Escola Municipal de Música quedará suxeita ao cumprimento destes requisitos.

Adquisición de vehículos eléctricos
Outro dos acordos da XGL foi a aprobación dunha modificación de crédito, por importe de 370.500 euros, financiados co remanente líquido de tesourería, para a adquisición de vehículos eléctricos puros e vehículos eléctricos con etiqueta ambiental ECO e infraestruturas de recarga. Serían: catro vehículos tipo turismo etiqueta ECO e 1 furgoneta eléctrica para a Policía Local; un turismo eléctrico para Protección Civil; unha furgoneta eléctrica para o Servizo de Extinción de Incendios e Salvamento; e a subministración de varias infraestruturas de recarga.

Satisfacción pola presenza dos Reis
Noutra orde de cousas, o alcalde manifestou a súa "satisfacción" pola presenza dos Reis en Compostela o pasado 25 de xullo, que "demostra o seu compromiso co Consorcio e co Padroado". Sánchez Bugallo agarda agora que, "antes de final de ano, se poida concretar unha data para a reunión do Real Padroado".

Fogos do Apóstolo
Preguntado polos fogos do Apóstolo, cualificou o balance como "moi positivo" e unha referencia para ter en conta de cara a anos vindeiros. Destacou o "amplo dispositivo de seguridade, que permitiu que a intervención no incendio que se produciu detrás do parque Eugenio Granell se realizara en 3 minutos e con medios moi importantes, sen que houbera ameaza para as vivendas". "O que ardeu foron fiunchos, xestas e silveiras, resultado de varios anos sen limpar esas fincas", afirmou.

Período vacacional
Finalmente, o rexedor anunciou que iniciará o seu período vacacional o 2 de agosto. Na súa ausencia, será substituído, en calidade de alcalde e alcaldesa en funcións, polo segundo tenente de Alcalde, Sindo Guinarte, e pola primeira tenente de alcalde, Mercedes Rosón, respectivamente.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: