ALCALDÍA

O alcalde expresa a súa "solidariedade" coas familias das vítimas do Alvia 04155 e coa súa busca de "verdade, xustiza e reparación"

23/07/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, reuniuse este xoves cunha representación da Asociación Plataforma Vítimas Alvia 04155. Sete anos despois, a Asociación segue a reclamar unha investigación técnica independente do accidente ferroviario.

Coa lembranza daquel 24 de xullo de 2013, o alcalde expresou o sentimento de "solidariedade e de apoio ás familias das vítimas do accidente do Alvia, e de pesar polos falecementos producidos". Sánchez Bugallo afirmou ser consciente da "súa loita por obter a verdade, a xustiza e a reparación". A este respecto, apuntou que "non está sendo doado, probablemente nunca teñamos toda a verdade e a xustiza en termos absolutos, e a reparación plena é imposible".

"O que espero é que canto antes poidan ter unha verdade aceptada, unha xustiza razoable e unha reparación que, na medida do posible, trate de facer fronte aos danos daquel accidente", concluíu o rexedor.

Compartir: