FESTAS

As rúas de Compostela engalonáronse un Apóstolo máis co traxe galego

23/07/2020 As festas do Apóstolo acolleron este xoves a XLI edición do Día do Traxe Galego, cun desfile polas rúas de Compostela no que participou o concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e outros integrantes da Corporación. Logo, unha pequena representación da comitiva foi recibida polo alcalde, Xosé Sánchez Bugallo, no Pazo de Raxoi.

O desfile partiu da Alameda e logo seguiu por Porta Faxeira , rúa do Vilar, Praterías, Conga, Antealtares, Preguntoiro, Cervantes e Acibechería, ata a igrexa de San Paio de Antealtares. Alí celebrouse unha misa e, posteriormente, a Corporación recibiu en Raxoi unha representación da xunta directiva da Asociación do Traxe Galego.

Programa do venres 24
Ademais dos fogos do Apóstolo, previstos ás 23:30 h dende oito puntos diferentes da cidade, a xornada do venres 24 trae varias propostas de música, circo e danza. O calendario festivo do día arrincará ás 10:00 h coas alboradas a cargo da Asociación Cultural As Brañas de Andrés, e seguirá ás 11:00 h, na praza da Quintana, coa presenza alí dos xigantes e cabezudos.

Xa pola tarde, ás 19:00 horas, na Alameda, nova actuación circense, desta vez coa Compañía Sue Moreno e as súas Acrobacias aéreas: 4.0. Unha hora despois (20:00 h), no parque de Bonaval, Ánxela Blanco dirixe o espectáculo de danza contemporánea Thesaurus.

Dous concertos completarán a xornada: ás 21:00 h, Andhrea & The Black Cats no parque de Galeras e, ás 22:00 h, Gaizca Project na praza da Quintana.

Compartir: