TURISMO

"Santiago de Compostela. A túa historia", nova campaña de promoción turística da cidade

23/07/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, presentou a nova campaña de promoción turística da cidade "Santiago de Compostela. A túa historia", que ten por obxectivo reactivar a demanda turística da cidade o antes posible no complexo contexto da Covid-19. O edil estivo acompañdo pola xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil.

Segundo explicou Sindo Guinarte, escolleuse como lema "Santiago de Compostela. A túa historia", pola dobre lectura do termo "historia", que encaixa coa esencia da cidade. Por unha por banda, Santiago é unha cidade que forma parte da historia colectiva de España e Europa; por outra, Santiago é unha cidade cunha ampla variedade de opcións turísticas. É dicir, o lema transmite a mensaxe dunha cidade que forma parte da historia colectiva na que cada un pode vivir a súa propia historia.

A campaña terá dúas fases. A primeira comeza o 23 de xullo e prolongarase durante o mes de agosto. Decidiuse que comezase nas vésperas das festas do Apóstolo para aproveitar a presenza mediática que ten a cidade polo día de Santiago, tamén en redes sociais. Deste xeito a campaña alcanzará unha audiencia maior que se comezáse a mediados de xullo ou comezos de agosto.

O obxectivo da primeira fase é facer unha campaña moi segmentada, tendo en contas as limitacións ás viaxes que hai cara España; a situación no propio país, con diferencias entre comunidades autónomas; e tamén os tipos de viaxe que se están facendo no contexto da Covid-19: na maioría de caracter familiar e buscando tranquilidade e seguridade.

A campaña diríxese a todo o mercado español, pero concentrándose nas comunidades autónomas que máis consultas están xerando na oficina de información de Turismo de Santiago dende a súa reapertura o pasado 15 de xuño: Madrid, País Vasco, Castela e León, Andalucia e Comunidade Valenciana.

A campaña xira arredor de tres eixes, adaptándose ao momento presente: Viaxar en familia, Parques e xardíns e Gastronomía. O obxectivo é poñer en valor que Santiago é unha cidade para viaxar en familia, verde e cunha gran gastronomía, que permite crear a propia historia de cada quen con confianza e seguridade.

A primeira fase da campaña será completamente on line, cunha forte presenza en redes sociais: Youtube, Facebook e Instagram. Escolleuse esta nova canle porque é a que máis se adapta as decisións de última hora que priman hoxe na reserva de viaxes. A previsión é que na segunda fase da campaña poidan empregarse outras canles, cando a situación estea xa máis asentada e as decisións de viaxe sexan máis reflexivas.

A campaña ten unha web de referencia, www.santiagoturismo.com/tuhistoria que se atopa dentro da páxina de Turismo de Santiago, onde os/as potenciais turistas poden ver toda a oferta da cidade. As principais ferramentas que se empregan son pezas audiovisuais, adaptadas en tempos e formatos aos modos de consumo de Internet e das redes sociais.

Creouse un vídeo xenérico de trinta segundos, que presenta a cidade como un destino no que crear a tua propia aventura. E creáronse tamén tres vídeos de dez segundos con mensaxes moi definidas: un sobre turismo familiar, outro sobre parques e xardíns e outro sobre gastronomía.

A segunda fase da campaña desenvolverase no último trimestre do ano. Terá o mesmo lema: "Santiago de Compostela. A túa historia". Pero definirase o momento, as canles e os contidos concretos en base á evolución da situación da pandemia. A intención de Turismo de Santiago é que esta segunda fase da campaña sirva para atraer turistas de cara ao Nadal, pero tamén que sirva para anunciar o comezo do Ano Santo.

Compartir: