FESTAS

Variedade de efectos e cores para uns fogos do Apóstolo que deixarán unha atractiva postal da cidade este 24 de xullo

23/07/2020 O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, e o director da Pirotecnia Zaragozana, Miguel Pérez, presentaron o espectáculo pirotécnico dos fogos do Apóstolo, que arrincará ás 23:30 horas deste venres 24 de xullo. Os fogos lanzaranse nesta ocasión dende oito puntos da cidade: Santa Susana (Alameda), Cidade da Cultura, parque Carlomagno (Fontiñas), parque Luis Pasín (Conxo), Granxa do Xesto (Pedroso), A Almáciga, parque Eugenio Granell e Monte de Deus (Vite).

Lembrou Gonzalo Muíños que nas especiais circunstancias deste ano, o lanzamento dende diferentes puntos era a mellor fórmula para "garantir a propia celebración dos fogos, para evitar aglomeracións e para permitir ao mesmo tempo que os puidesen o maior número de composteláns e compostelás". Neste sentido, apuntou que, dada a distribución nestes oito puntos, "moitos veciños e veciñas poderán ver os fogos dende as fiestras das súas casas".

Aos/ás que teñan que saír á rúa para poder velos, pregoulles o cumprimento das normas de seguridade, tanto ás relacionadas co propio espectáculo, como respectar os perímetros de seguridade, as restricións de estacionamento e circulación ou atender as indicacións da Policía Local, como as propias da prevención da Covid-19, como evitar aglomeracións, respectar as distancias de seguridade ou levar a máscara.

Apuntou que o operativo de seguridade desta noite estará integrado por 30 axentes da Policía Local, 50 vixiantes de seguridade, máis de 25 efectivos de Cruz Vermella, máis de 65 voluntarios/as de Protección Civil e uns 20 bombeiros.

Ritmo e variedade de efectos e cores
Pola súa parte, Miguel Pérez, director da Pirotécnica Zaragozana, destacou que as características esenciais dos espectáculo serán "o ritmo, a variedade, a potencia, a
luminosidade e a brillantez". A cadencia dos disparos será moi curta, para poder obter un ritmo alto de explosións e así manter o fogo constantemente no ceo.

Indicou que se verán máis de 100 artigos diferentes, amosando máis de 18 cores en 31 efectos diferentes, utilizados en catro alturas diferentes, que oscilarán entre os 30 e os 180 metros, dependendo do momento do espectáculo.

Ao longo dos 20 minutos do espectáculo empregaranse 4.264 unidades de disparo (533 por punto), utilizadas en 504 fases de disparo (63 por punto). Empregaranse 1.474,48 quilogramos de masa pirotécnica (184,31 por punto), cos que se crearán efectos como tronos, mosaicos, dalias, aneis, intermitencias, crisantemos, crepitantes, estrelas, ovos de dragón, volcáns, medusas, peixes, sorrisos, corazóns, apagados, abellas, cabeleiras, cambios de cores, pistilos, etc.

Finalmente, Miguel Pérez agradeceu ao Concello que "tivera mantido os fogos do Apóstolo, buscando unha alternativa tecnicamente viable e segura", fronte á decisión doutros concellos de cancelar os espectáculos pirotécnicos, "axudando moito ao noso sector nestes momentos de dificultade".

Direcciones relacionadas



Compartir: