ALCALDÍA

Concello e Xunta acondicionarán e manterán como zona verde unha parcela de Xoán XXIII destinada á construción de vivenda protexida

22/07/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda en funcións, Ángeles Vázquez, asinaron este mércores o protocolo de actuación para o acondicionamento e mantemento dunha parcela na avenida de Xoán XXIII. Deste xeito, mellorarase a imaxe deste emprazamento, situado nunha vía principal de acceso ao casco histórico, mentres non se acometa a construción residencial prevista nel.

Tal como se indica no protocolo asinado, os peches desta parcela atópanse en mal estado e foron obxecto de diversos actos vandálicos, actos que poden repetirse tras a renovación do valado. Tendo en conta a singularidade do emprazamento, xa que a rúa Xoan XXIII constitúe unha das principais vías de acceso ao conxunto histórico-monumental da cidade, ambas partes consideran que, mentres non se edifique a parcela, a imaxe do ámbito melloraría notablemente co axardinamento da parcela, contribuíndo á dignificación do percorrido de acceso ao núcleo histórico da cidade.

A Xunta de Galicia encargarase de acondicionar a parcela, propiedade do Instituto Galego de Vivenda e Solo, mentres que o Concello se fará cargo do mantemento da nova zona axardinada.

Sobre o futuro da parcela, o alcalde manifestou o seu desexo de que se constrúan vivendas en réxime de protección para o aluguer. Neste sentido, a conselleira explicou que, unha vez minorado o impacto visual da parcela, o seguinte paso será determinar o futuro da mesma, aínda que partindo da premisa de que se destinará a ampliar o parque público residencial da cidade. Asegurou que, en todo caso, será vivenda protexida.

Compartir: