EDUCACIÓN

A nova Escola Oficial de Idiomas podería ubicarse en Conxo

05/03/2007 O Concello de Santiago e a Consellería de Educación están a estudar a demanda dos responsables da Escola Oficial de Idiomas, situada en Vite, que reclaman un novo centro con maior capacidade e servicios. A nova Escola podería situarse en Conxo.

Este foi un dos temas tratados na xuntanza mantida polo alcade compostelán, Xosé A. Sánchez Bugallo, coa conselleira de Educación, Laura Sánchez Piñón. Na reunión tamén participaron a concelleira de Educación, Elvira Cienfuegos, e o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, Antonio Vázquez.

A conselleira indicou que o seu departamento vai estudar a oferta do Concello duna parcela en Conxo para a Escola. En concreto, como recordou o alcalde, trátase duna superficie de 6.400 metros cadrados, aínda que o Concello está disposto a buscar calquera outra parcela se Educación considera que esta non é a idónea.

Malia que se pudiera abordar a posibilidade de ampliar a actual Escola, ámbolos consideraron como mellor solución a construción dun novo centro. Na actualidade a Escola situada en Vite conta con preto de 2.000 alumnos, malia que fora concibida para 900, o que provoca que os horarios lectivos estan estirados ao máximo e non se poida aumentar a oferta de idiomas. Segundo a conselleira, este proxecto podería estar impulsado a finais deste ano 2007.

Colexio Ramón Cabanillas

Na reunión tamén se tratou a inminente licitación por parte da Consellería da redacción do proxecto para a construción dun novo edificio para o Colexio Ramón Cabanillas, do Castiñeiriño, que se ubicará en Pontepedriña. As previsións de Sánchez Bugallo indican que xa se poderían impartir clases no novo centro para o curso 2008-2009.

O actual edificio do colexio, de titularidade municipal, será posteriormente destinado a usos socioculturais ou a unha escola infantil. Esta cuestión está aínda por decidir.

Os responsables de Educación e do Concello tamén falaron sobre o plan de obras de mellora dos centros educativos. En especial, destaca a intervención no colexio Pío XII, na que se investirán 600.000 euros para adecuar o comedor e o patio.

Servizo de comedor

Ademais, tratouse a posibilidade de estender nos vindeiros meses o servizo de comedor a todos os centros educativos públicos de Santiago. Isto concretaríase a través dun convenio e seguindo un modelo semellante ao acordado en Lugo ou Pontevedra, coa colaboración das administracións autonómica e local e das asociacións de pais. O Concello entregará un estudo sobre a demanda deste servizo á Consellería e esta valorará a posibilidade de implantalo a finais do presente curso.

Consevatorio

Finalmente, abordouse a posible ampliación do Conservatorio de Música. Neste tema, o director xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais considerou prudencial "dar un prazo para ver se é necesaria a ampliación". Así recordou o distinto nivel de demanda na matrícula dunhas especialidades e doutras. De calquera xeito, o alcalde recordou que o Concello reservou un terreo para esa posible ampliación.

Compartir: