FESTAS

A vangarda e a tradición irán da man nunha nova entrega do TradFest

22/07/2020 Este domingo, 26 de xullo, as festas do Apóstolo acolle unha nova edición do TradFest, o festival organizado por La Voz de Galicia, no que a tradición e a vangarda se xuntan para ofrecer unha proposta musical diversa e de calidade en varios espazos da cidade. Serán ata 20 propostas diferentes, entre as que destaca o concerto na Quintana de Tanxugueiras e Ailá ou a actuación conxunta da Banda Municipal e de Suso Vaamonde.

O concelleiro de Festas, Gonzalo Muíños, presentou esta nova edición do TradFest, do que destacou "a súa capacidade para ser distinto cada ano", algo que neste 2020 non quedou máis remedio que levar ao extremo debido á Covid-19. Acompañaron ao edil na rolda de prensa o director de Agadic, Jacobo Sutil; Víctor Belho, de Nordesía, e Sabela Maneiro, integrante de Tanxugueiras.

As propostas do TradFest distribuiranse en catro espazos principais: a praza da Quintana, o parque de Bonaval, a igrexa de Bonaval e as rúas de Compostela. Así, o festival arrincará na Quintana (12:30 h) cun concerto da Banda Municipal de Música, dirixida por Casiano Mouriño, que nesta ocasión contará coa colaboración de Suso Vaamonde exercendo como músico narrador.

Tamén na Quintana, a partir das 21:00 h, subirán ao escenario Ailá e Tanxugueiras. Ailá é un novo grupo compostelán que neste Apóstolo presentará en primicia o que será o seu primeiro traballo discográfico. E tras eles, e para pechar o festival, Tanxugueiras, no que será o seu primeiro concerto tras o confinamento. Presentarán ante o público compostelán o seu segundo traballo, Contrapunto.

Variedade de propostas en Bonaval
Outro dos escenarios principais será o parque de Bonaval, onde se mesturarán diferentes disciplinas dende o mediodía ata a noite. Así, celebraranse concertos instrumentais como os de Candorka, Porcoteixos ou Anxo Lorenzo. E se de expresión cantada se trata, por alí pasarán Barahúnda, Zeltia Irevire, É Romance e Laura LaMontagne.

Pero tamén haberá baile, da man de Bouba, Altaplana ou Os Monifates. A estes concertos pensados para o baile súmanse os obradoiros con Cobos & Prieto, con grupos dirixidos ás 13:00, 16:30 e 18:30 horas.

Non lonxe de alí, a igrexa de Bonaval é o marco escollido para os concertos acústicos de Iván Vilela, Fernando Barroso, Pärbo e Abraham Cupeiro.

E para completar a programación, o TradFest ofrecerá animación de rúa entre as 11:00 e as 19:30 h. Correrá a cargo de Os Estalotes, Habelas Hainas, Acivreira e Os Monifates.

Compartir: