CIDADE HISTÓRICA

A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico dá o visto bo á actuación na costa do Cristo para mellorar a accesibilidade a Raxoi

21/07/2020 A Comisión Asesora do Patrimonio Histórico, presidida pola concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, informou favorablemente sobre o proxecto de mellora da accesibilidade ao Pazo de Raxoi na costa do Cristo. A intervención consiste no acondicionamento do acceso ás dependencias de Tráfico e da Secretaría Municipal, que neste momento se realiza a través dunha plataforma e unhas escaleiras metálicas nada respectuosas coa imaxe da cidade histórica.

A intervención proxectada prevé a substitución do actual elemento metálico de acceso ao inmoble por outro realizado en cantería e que se interprete como un elemento no provisional nin engadido ao edificio, se non que forme parte da propia rúa.

A anchura do novo elemento aumenta en 30 centímetros con respecto ao existente, e acada unha largura de 1,5 metros. Estas novas medidas obrigan a aumentar o espazo que ocupa agora a escaleira metálica, que é de 1,20 metros, invandindo o ámbito da rúa pola que agora circulan os vehículos da Policia e os do Hostal, e que é usado tamén polos peóns. Por este motivo, o proxecto propón unha sección única, sen diferenciación entre beirarrúas e calzada, que permita unha convivencia pacífica entre o uso peonil e o paso de vehículos autorizados. O pavimento deste tramo resolverase con lousa de granito, igual que o novo acceso ao Pazo de Raxoi.

No mes de xaneiro de 2020, a dirección de Área de Urbanismo elaborou un documento sobre actuacións urxentes no entorno da Catedral de Santiago e nas zonas anexas da cidade histórica para o ano 2021, que no apartado de accesibilidade estudaba diversas propostas de actuación, entre as que se atopaba a mellora de accesibilidde na costa do Cristo.

Tamén se informou favorablemente a solicitude de licenza municipal para obras de renovación do entarimado da igrexa das Nais Mercedarias en Santiago de Compostela, encamiñadas ao mantemento das condicións de hixiene, ornato e funcionalidade da edificación.

No marco do Plan Especial PE-1, tamén se informou positivamente, entre outros puntos, sobre distintas obras de mantemento e retellado de cuberta nun edificio na rúa Virxe da Cerca, e sobre a rehabilitacion dunha vivenda unifamiliar en Campo do Forno, non catalogada.

Ademais de Mercedes Rosón, á Comisión Asesora do Patrimonio Histórico asistiron o concelleiro de Presidencia, Sindo Guinarte, os edís do PP, José Antonio Constenla e Evaristo Ben; Jorge Duarte, por Compostela Aberta; e a voceira do BNG local, Goretti Sanmartín; así como os integrantes da Ponencia Técnica, formada por técnicos do Concello, da USC, do Consorcio, da delegación compostelá do Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia e da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta.

Compartir: