XUNTA DE GOBERNO

Visto bo ao proxecto de reconstrución do muro da rúa da Costiña do Monte

20/07/2020 O Goberno local aprobou este luns o proxecto de reconstrución do muro na rúa Costiña do Monte, cun orzamento máximo de licitación de 107.083,34 euros (IVE incluído). A obra terá un prazo de execución de catro meses.

Entre as condicións da reconstrución deste muro de peche fronte á rúa da Costiña do Monte figura a recuperación da altura orixinal do muro derrubado, para enlazar correctamente as dúas partes do muro existente. Tamén se recuperará todo o pavimento de lastro de granito con xunta vexetal existente na zona interior do parque e que resulte afectado polas obras.

Na zona de terreo de 60 centímetros de anchura prevista ao longo da cara interior do muro de peche do parque conservarase o acabado axardinado existente (limitándose o pavimento de lastro exclusivamente á zona onde xa existía este).

A intervención afectará á rasante natural da zona interior do parque, reducindo a cota de terreo e facendo que o espazo afectado pola actuación quede máis oculto entre os muros de pedra (que conservan a súa altura orixinal). Por este motivo, recomendase que se estude unha actuación complementaria nesta parte concreta do parque de Bonaval, co obxecto de evitar que a nova configuración da zona se converta nun espazo residual do mencionado parque público.

Axudas para vivenda
Outro dos acordos da Xunta de Goberno deste luns foi o de participación do Concello no programa de rexeneración e renovación urbanas do Plan Estatal 2020-2021. Así, realizaranse as correspondentes solicitudes de financiamento e número de actuacións: rehabilitación (78 actuacións), edificación (9 actuacións, e equipo técnico xestión (87 actuacións). Estas intervencións afectan ás áreas de rehabilitación integral (ARI) de Casco Histórico, Vista Alegre, Grupo de Vivendas Compostela e Quiroga Palacios e Vite. O custo total das actuacións sería de 2.173.320,67 euros.

As achegas das distintas administracións incluídas nos acordos bilaterias propostos son: Concello, 543.020,67 euros; Xunta, 279.700 euros; e Ministerio, 784.600 euros. Os outros 566.000 euros serían aportados polos propios promotores das distintas rehabilitacións. No apartado de edificación está previsto destinar 331.200 euros para actuacións en 9 vivendas de Caramoniña.

Documentos relacionados

Direcciones relacionadas



Compartir: