FESTAS

Un emotivo pregón en torno á "Compostela que plantou cara á pandemia" abriu as festas do Apóstolo

17/07/2020 Os balcóns do Pazo de Raxoi acolleron un ano máis o pregón que anunciou o inicio das festas do Apóstolo, que se celebrarán ata o 31 de xullo. O xornalista Luis Pardo exerceu de pregoeiro, xunto cunha persoa que superou a Covid-19, Xosé Antonio Perozo, e unha enfermeira do 061, Eli Dosil, nun emotivo discurso que lembrou as vítimas da pandemia e agradeceu o traballo de todos os colectivos que durante estes meses velaron pola saúde e benestar da cidadanía de Santiago de Compostela.

Luis Pardo apuntou o "especial" que resultaba ser pregoeiro nas "festas máis atípicas que se lembran". O xornalista referiuse nas súas verbas á "Compostela que lle plantou cara á pandemia do coronavirus no seus días máis complicados", que estivo representada no pregón por todas esas persoas que o acompañaron no balcón.

Así, ademais do propio Luis Pardo como representante dos medios de comunicación, e de Xosé Antonio Perozo como paciente afectado no seu día pola Covid-19, nos balcóns de Raxoi estiveron: Begoña del Río Martínez e Josué Israel Peña Acosta (Protección Civil); Diana Parente Pampín (Policía Local); Jaime Tizón Davila (Bombeiros); Teresa Furelos Toral e Eva González Santiago (Servizos Sociais); José Luis Barreiro Conde (Cruz Vermella); Gregorio López Albardonedo (Servizo de Parques e Xardíns); Vanessa Pereira Casqueiro (Servizo de Limpeza-Urbaser), Adrián (persoal de supermercado); Guillermo Fernández Iglesias (distribución); Jesús Mariño (gandeiro); Carlos Encisa (educación); Diana Peleteiro Higuero e José Rodríguez Souto (Viaqua), así como membros da Policía Nacional, da Policía adscrita e da Garda Civil de Tráfico.

Para todos estes colectivos e o seu labor durante a pandemia tivo palabras de recordo e agradecemento. E como representante dos medios de comunicación, destacou o seu papel para "arroxar luz e datos reais entre tanto rumor sen contrastar e tanto bulo interesado". Incluso tivo unha lembranza para un colectivo non representado no pregón, pero xurdido a raíz do confinamento: a policía de balcón.

"A pandemia destapou situacións de emerxencia social que ata ese momento estaban encubertas, descubrimos que o noso entorno era moito máis vulnerable do que parecía", apuntou Luis Pardo, antes de rematar a primeira parte da súa intervención dedicándolle a todos os colectivos representados o arranque destas festas, porque "se aínda temos cousas que celebrar e motivos de celebración foi precisamente grazas ao seu traballo". Ademais, indicou que "imos botar de menos, moitísimo, a esas 109 persoas que o coronavirus levou na área sanitaria de Santiago".

"Tócanos resistir e demostrar que todo iso pagou a pena, con cabeza, porque toda esta xente non se xogou a vida e a saúde para que agora semelle que non aprendemos nada", continuou Luis Pardo, pero "precisamos unha tregua sen baixar a garda, sen deixar de protexer a quen nos protexe, de coidar a quen nos coida". Así, o pregoeiro animou a gozar da festa "non como se fose a última, senón como o que é, a primeira das moitas que aínda agardan por nós".

A esa "prudencia" apelou tamén o escritor Xosé Antonio Perozo, despois de ter vivido en primeira persoa a Covid-19. Reiterou o agradecemento ao persoal sanitario, e en especial, ao da planta 5ª do CHUS na que permaneceu ata superar a enfermidade. Aludiu ao traballo de todos os colectivos representados e tamén á responsabilidade da cidadanía de Compostela para facer que a nosa cidade non fora das "máis castigadas pola Covid-19", e convidou a todos e todas a manter esa responsabilidade aínda combinándoa coa diversión nestas festas.

Direcciones relacionadas



Compartir: