CONSORCIO

O Consorcio eliminará as goteiras da cuberta da capela da Corticela da Catedral de Santiago

17/07/2020 Dentro do programa de restauración de monumentos do Consorcio de Santiago, vanse iniciar as obras de eliminación das goteiras da cuberta da capela da Corticela, cun presuposto global de 143.544,20 €. A empresa adxudicataria é Obras Gallaecia, S.L., cuxa oferta inclúe a instalación dunha cuberta provisional para garantir a protección durante as obras. Prevese un período de execución estimado de tres meses.

A capela de Santa María A Antiga (A Corticela) é unha parroquia independente inserida no conxunto da fábrica da catedral de Santiago, de enorme importancia na historia da cidade compostelá, ademais da súa relevancia popular. Co obxecto de erradicar as humidades que se producen na actualidade por fallos na estanquidade da cuberta, e que están a provocar danos tanto nas fábricas como no interior da capela, proponse a reposición da cuberta con tella cerámica. Ademais, aplicarase un tratamento para eliminar a couza. A finalidade desta actuación é lograr unha cuberta lixeira e ventilada, garantindo a súa estanquidade.

O responsable deste proxecto é o arquitecto da Oficina Técnica do Consorcio de Santiago Ángel Panero. Explica que "a intervención proposta debe acometerse coa maior urxencia co fin de frear a progresiva deterioración e os danos que están a xerar as humidades na estrutura de madeira, nos muros, e mesmo nalgunhas das pezas de valor artístico e patrimonial existentes no interior da capela".

Aproveitarase ademais a actuación para eliminar o recrecido de rasillas cerámicas e formigón soporte da tella na actualidade, executado nas obras dos anos 60 do pasado século XX. Así mesmo, levarase a cabo a limpeza dos paramentos de fábrica granítica, da que se encargará unha empresa especializada en restauración de patrimonio pétreo.

Tamén se repararán as carpinterías metálicas deterioradas e substituiranse os vidros que estean rotos. E renovarase a instalación eléctrica para adecuala á normativa vixente de seguridade, aproveitando a oportunidade para coordinar a iluminación coas previsións do Plan Luz da Fábrica Catedral, ao tempo que se levará a cabo a electrificación do toque de campás cunha central de control programable.

Estudo histórico
Tal como indica Ángel Panero, "xa se realizou unha toma de datos e catas previas para coñecer as características do soporte da cuberta de tella. Ademais, o Consorcio de Santiago contratou a asistencia técnica da historiadora da Universidade de Santiago Belén Castro, que permitiu coñecer as actuacións acometidas na cuberta durante os anos 60 do pasado século XX polo arquitecto Francisco Pons Sorolla".

O arquitecto sinala que "á marxe de que, como é lóxico, e de acordo coa normativa vixente, cómpre incluír no proxecto unha memoria histórica do monumento obxecto de intervención, nesta ocasión, e debido a que a solución construtiva executada hai anos podía incidir moi intensamente no tipo de obra a realizar, era imprescindible para precisar o alcance do proxecto e documentar as últimas actuacións realizadas na capela por Pons Sorolla. A pesar da intensidade construtiva destas intervencións, non se dispoñía de moita documentación publicada, máis alá da edición monográfica promovida hai anos polo Consorcio de Santiago sobre o conxunto da obra do arquitecto Pons Sorolla en Compostela".

Compartir: