ALCALDÍA

"Compostela Photo" enche de arte os portóns de 15 garaxes do Ensanche

17/07/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, inaugurou Compostela Photo, unha iniciativa de Santiago Centro que cubre de arte os portóns de 15 garaxes do Ensanche, grazas a fotografías en gran formato relacionadas co Camiño de Santiago e as peregrinacións. O Concello colabora con esta iniciativa cunha achega de 5.000 euros.

Ademais do alcalde, participaron no acto inaugural o secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García; o presidente de Santiago Centro, José María Fernández; o director da Mostra, Javier Blanco, e algúns dos fotógrafos e fotógrafas. Xuntos realizaron un percorrido que arrincou na rúa de Montero Ríos e continuou por Alfredo Brañas, República do Salvador e Xeneral Pardiñas.

A mostra vai acompañada doutras actividades paralelas, coma un certame fotográfico dirixido a afeccionados á fotografía e cuxa temática está relacionada cos valores naturais, históricos, espirituais, culturais, artísticos ou humanos do Camiño de Santiago. Un xurado seleccionará 20 fotos que participarán nunha exposición online e que se exhibirá nas pantallas urbanas da praza Roxa. A recepción de traballos está aberta ata o 20 de setembro. As bases poden na web de Compostela Photo.

Ademais, os primeiros sábados de cada mes (a partir do 10 de setembro), ás 12:00 h, realizaranse visitas guiadas para grupos. E faranse ata tres percorridos en torno á fotografía no contexto do feito xacobeo.

Finalmente, está prevista en setembro unha acción na que unha selección de fotógrafos/as sairá ás rúas do Ensanche e interactuará con veciñanza, comerciantes e profesionais da contorna, retratándoos dende unha óptica humana. Esta acción verase logo reflectiva nunha exposición.

Direcciones relacionadas



Compartir: