MERCADOS

Aprobado o orzamento municipal para a remodelación do Mercado de Abastos

05/03/2007 A Xunta de Goberno local aprobou o orzamento que o Concello de Santiago destinará ao proxecto de remodelación do Mercado de Abastos. A achega económica é de 1.286.285 euros. Esta cifra representa o 25% dos 5.145.143 euros que custa a obra.

A contía está dividida en tres anualidades. O Concello, a través da Concellaría de Promoción Económica, destinará á remodelación da Praza de Abastos 150.000 euros en 2007, e 568.142,89 euros no 2008 e no 2009.

A metade do orzamento total, 2.572.571 euros, serán achegada polo Ministerio de Vivenda, administración contratante encargada da execución das obras a través da Dirección General de Arquitectura y Política de Vivienda. O outro 50% do orzamento divídese entre a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Innovación e Industria, e o Concello de Santiago, a través da Concellaría de Promoción Económica e Comercio.

A cantidade económica establecida pola Consellería de Innovación, Industria e Comercio é igual ca do Concello de Santiago, 1.286.285, euros divididos tamén en tres anualidades pola mesma contía. Esta proposta, unha vez se fixe o texto definitivo, terá que ser informada pola Asesoría Xurídica e pola Intervención Xeral como paso previo a súa autorización polo Consello da Xunta.

Está previsto que o venres 9 de marzo, o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Manuel Iglesias, viaxe a Madrid para ultimar o borrador do convenio de colaboración de remodelación do Mercado de Abastos co director xeral de Arquitectura y Política de Vivienda, Angel Rafael Pacheco Rubio.

Compartir: