EDUCACIÓN

Uns 150 menores participan no "Verán CampUSC 2020", no que colabora a Concellaría de Igualdade

16/07/2020 A concelleira de Igualdade, Noa Díaz; e a vicerreitora de Igualdade da Universidade de Santiago, Mar Lorenzo; visitaron hoxe Verán CampUSC 2020, no que participan 150 menores de entre 4 e 17 anos, divididos en varias quendas. Noa Díaz agradeceu á USC que continúe con este programa, no que tamén colabora o Concello de Santiago, e sinalou que "iniciativas como esta son importantes, sobre todo nun ano como este que estiveron tres meses confinados".

Pola súa banda, Mar Lorenzo destacou a importancia de Verán CampUSC na conciliación familiar e laboral, e na función lúdico-educativa que ten para todos/as os/as participantes. Engadiu que continúan con ese labor formativo e educativo, porque "o tema do lecer no tempo libre é un dos aspectos nos que a Universidade debe insistir máis con este tramo de idade".

Na visita tamén estaban presentes Rocío Bulnes, coordinadora de Verán CampUSC 2020, e Alberto Escudero, director do programa. Escudero incidiu na laboriosidade da organización, "xa que lle adicamos moito tempo aos protocolos sanitarios" para poder garantir a seguridade dentro dos grupos. Tendo en conta a situación, subminístraselle xabón e xel hidroalcólico aos nenos e nenas, e obrígase aos/ás participantes maiores de 6 anos a levar a súa propia máscara facial. Unhas normas que todos, incluídos/as os/as máis novos/as, están seguindo sen problema. Este campus de verán está estruturado en cinco quendas, que en conxunto, recibiron máis de 400 solicitudes de reserva de praza. Esta é a terceira quenda, que se prolongará ata o 24 de xullo.

Direcciones relacionadas



Compartir: