TURISMO

A Asociación de Municipios do Camiño estimula a peregrinación nunha nova campaña promocional

15/07/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, asistiu no Hostal dos Reis Católicos ao acto de presentación da campaña de estímulo e promoción do Camiño de Santiago "Respira hondo", posta en marcha pola Asociación de Municipios do Camiño de Santiago (AMCS). No acto exhibíronse os dous spots da campaña, que inciden na seguridade da ruta e na experiencia persoal que supón a súa realización.

A campaña da AMCS, que conta co apoio de Correos e Sacyr, fai unha chamada á calma, a través dunha peregrinación que pode ser unha viaxe ao interior dun/dunha mesmo/a rodeado/a de natureza e de experiencias inesquecibles. A Asociación, integrada por 102 municipios do Camiño Francés, quere así dar un impulso á ruta xacobea nestes primeiros compases da nova normalidade.

Tras contar coa rede suficiente de albergues no Camiño, os concellos lideran con esta campaña unha estratexia de promoción conxunta en todas as comunidades autónomas para trasladarlle ao/á peregrino/a que o Camiño, hoxe máis que nunca, pode aportar o seu efecto sanador e terapéutico para as persoas.

Na súa intervención, Sindo Guinarte mostrou a súa ledicia por comprobar como "pouco a pouco, imos recuperando esa normalidade que nunca se debeu ver truncada". Sobre a campaña, incidiu no convencemento de que "esta ruta de mil anos de historia, é segura sanitariamente falando, e ademais pode supor a experiencia persoal que, nestes momentos tan complicados, moitas persoas están buscando".

"Respira hondo", explicou, é "una campaña baseada nos valores e retos persoais que aporta o Camiño de Santiago. Unha chamada de atención que pon o foco nese Camiño como un espazo de liberdade e seguridade, tanto exterior como interior. Unha idea creativa de carácter conceptual que fai referencia á situación anímica de boa parte do país". En palabras do concelleiro, é tamén "unha chamada a atopar a calma na Ruta cara Compostela, nos seus pobos e cidades. Unha chamada que apela ás emocións e nos traslada cara un Camiño no que, se respiramos fondo, lograremos saír das nosas rutinas para adentrarnos nun lugar sanador".

Ademais destes dous anuncios audiovisuais, a campaña inclúe como pezas clave 15 imaxes co lema "Respira hondo", que serán distribuídas durante o próximo mes. Tamén conta con varias pezas de publicidade exterior (mupies), que serán facilitadas ás grandes cidades do Camiño Francés.

O efecto económico do Camiño
Sindo Guinarte aproveitou tamén a súa intervención para lembrar que, dos 102 municipios do norte de España que integran a AMCS, "a gran maioría deles pertencen ao que soe denominarse como a España valeira. Neste sentido, indicou que "o Camiño de Santiago é unha potente ferramenta que, en moitos casos, está contribuíndo ao asentamento poboacional neses municipios. Por iso é tan necesaria a súa promoción e difusión".

Finalmente, lembrou que "o Camiño de Santiago é un fenómeno mundial sen precedentes e un escaparare que mostra o mellor da nosa terra, dos nosos municipios, en máis de 170 países do mundo". Por iso, recuperar o seu pulso "supón tamén transmitir valores como a superación persoal, asociados dende sempre á ruta xacobea, e convertidos agora nunha necesidade social a nivel nacional e internacional".

Compartir: