INNOVACIÓN

Apróbanse as licitacións de compra pública innovadora do proxecto Smartiago por un valor estimado de máis de tres millóns de euros

09/07/2020 A Xunta de Goberno Local, nunha sesión extraordinaria, aprobou hoxe a apertura do procedemento para licitar tres contratos do programa Smartiago, por un valor estimado de 3.338.292,27 euros (IVE engadido). Corresponden a proxectos mobilidade intelixente e sostible, xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos, e alumeado ornamental intelixente para a conservación do patrimonio.

Estas licitacións, permitirán, segundo explicou o concelleiro de Presidencia e Relacións Institucionais, Sindo Guinarte, dar resposta ao tres retos plantexados, e mellorar, mediante o aporte tecnolóxico, a calidade dos servizos que se prestan á cidadanía, sempre utilizando a innovación para a protección do patrimonio e a sustentabilidade. O concelleiro tamén destacou que Compostela é a cidade de menos de cen mil habitantes, que leva a cabo un proxecto de CPI desta envergadura, no que se van licitar, en 2020, máis de catro millóns de euros.

A concelleira responsable de Modernización da Administración Local, Marta Abal, sinalou que ´"é a primeira vez en Santiago que se realiza unha Compra Pública de Innovación", na que, nas áreas de mobilidade e RSU, se merca desenvolvemento e innovación. Ao que se engade, continuou, a compra de investigación na licitación de iluminación ornamental, na que, precisamente, "mercamos investigación que nos vai permitir conservar o noso patrimonio nas mellores condicións". A concelleira espera que "este proxecto piloto sexa un bó exemplo para outras administracións locais".

A definición destas tres contratacións chegou despois dun proceso de Consultas Preliminares ao Mercado, no que participaron un total de 57 entidades que presentaron máis de 60 propostas. A través deste proceso convidábase aos operadores do mercado a presentar as súas solucións para os retos propostos polo Concello. É de destacar a alta participación de entidades locais e rexionais nas CPM de Smartiago, pero tamén con achegas de multinacionais líderes nos seus respectivos sectores.

Tras a presentación de propostas foron chamadas a entrevistas máis de 30 entidades (pemes, grandes empresas, universidades, centros tecnolóxicos, etc.) para que achegaran máis información sobre as solucións presentadas. Toda a información sobre este proceso pode consultarse na páxina web do proxecto Smartiago, nos Informes de Conclusións das CPM (Consulta Pública de Mercado).

MOBILIDADE INTELIXENTE E SOSTIBLE
A contratación correspondente ao reto de Mobilidade intelixente e Sostible é unha licitación de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora para desenvolver unha solución tecnolóxica de mobilidade smart, co obxecto de racionalizar o tráfico de vehículos e persoas no centro histórico, deseñar novas estratexia para a repartición de última milla e contribuír á sustentabilidade ambiental e á conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 2.146.479,5 euros (IVE engadido) e a adxudicación está prevista para outubro de 2020, cun prazo de execución de 18 meses.

Todas as accións correspondentes a esta licitación desenvolveranse no centro histórico de Santiago de Compostela. Búscase tamén o deseño de novas estratexias para a repartición de última milla e contrubuír á sustentabilidade ambiental reducindo a contaminación.

Os compoñentes da licitación son:

- Compoñente 1: Sistema de cámaras intelixentes que deberá contemplar: o deseño, construción, subministración e instalación de cámaras intelixentes de control de tráfico de vehículos; e o deseño, construción, subministración e instalación de cámaras intelixentes de control da mobilidade peonil.

- Compoñente 2: Sistema de redutores de velocidade intelixentes que deberá contemplar o deseño, construción, subministración e instalación dun redutor de velocidade intelixente con capacidade para calcular a masa dun vehículo.

- Compoñente 3: Sistema de intelixencia artificial para control de tráfico, que deberá contemplar:deseño, construción e posta en funcionamento de modelo IA para control de tráfico de mercancías no centro e casco histórico; deseño, construción e posta en funcionamento de modelo IA para control de tráfico de turismo no centro e casco histórico; deseño, construción e posta en funcionamento dun sistema asistido para o re-adestramento de modelo base de visión artificial e integración de sistemas existentes de control e accesos e semáforos.

- Compoñente 4: Plataforma intelixente de mobilidade, que deberá contemplar: os requisitos xerais descritos no prego de prescricións técnicas (PPT); capa de adquisición: requisitos xerais; capa de adquisición: ferramenta de xestión de APIs de integración; capa de coñecemento: almacenamento de datos e información; capa de coñecemento: xestión de activos; capa de coñecemento: motor de regras e eventos complexos; capa de coñecemento: módulo de intelixencia artificial; capa de interoperabilidade: requisitos xerais; capa de servizos intelixentes: sistemas de visualización e interacción; capa de soporte: xestión da configuración; capa de soporte: xestión de usuarios e control de acceso; capa de soporte: auditoría; capa de soporte: seguridade e capa de soporte: monitorización.

- Compoñente 5: infraestrutura de comunicacións recollida no PPT (Prego de Prescripcións Técnicas).

Ademais, deberanse ter en conta unha serie de requisitos xerais que inclúen a estética dos elementos fixos a despregar, as tarefas a realizar e os entregables a presentar, dacordo cos criterios patrimoniais fixados.

XESTIÓN SOSTIBLE E INTELIXENTE DOS RESIDUOS SÓLIDOS URBANOS
No caso da xestión sostible e intelixente dos residuos sólidos urbanos tamén se trata dunha licitación de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora para deseño, desenvolvemento e construción de contedores intelixentes de superficie para a caracterización de residuos sólidos orgánicos. Preténdese situar o servizo de recollida e tratamento de RSU á vangarda da eficiencia con tecnoloxías smart waste, participación cidadá e IA (Intelixencia Artificial). Búscase lograr os obxectivos de 50% de preparación para a reutilización e a reciclaxe, partindo do 13% actual, convertendo o espazo urbano e o mobiliario público en elementos de interacción para obter recompensa a través da corresponsabilidade ambiental.

O valor estimado é de 564.102 euros (IVE engadido). A adxudicación está prevista para outubro de 2020 e contémplase un prazo de execución de 18 meses.

O alcance do proxecto virá marcado polos seguintes compoñentes:

- Compoñente 1: Contedor intelixente de residuos sólidos orgánicos, que deberá contemplar: requisitos funcionais, caracterización de residuos en tempo real, predición de enchido de contedor, e apertura de contedor, seguridade dos contedores e certos requisitos de ecodeseño, e técnicos e de instalación.

- Compoñente 2: App móbil de gamificación, que deberá contemplar os requisitos funcionais e técnicos recollidos no PPT.

- Compoñente 3: rede de comunicacións descrita no prego.

Ademais, deberanse ter en conta unha serie de requisitos xerais que inclúen a estética dos elementos fixos a despregar, as tarefas a realizar e os entregables a presentar.

ILUMINACIÓN ORNAMENTAL INTELIXENTE PARA A CONSERVACIÓN DO PATRIMONIO
No caso do reto de iluminación ornamental intelixente para a conservación do patrimonio trátase dunha licitación de Compra Pública Precomercial, que se diferencia das anteriores, porque neste caso tamén se está mercando investigación, ademáis de desenvolvemento e innovación. Mediante esta compra, o Concello de Santiago contratará os servizos para desenvolver un sistema de alumado ornamental para a conservación do patrimonio.

O valor estimado é de 627.710,77 euros (IVE engadido), prevéndose a adxudicación para outubro de 2020. O prazo de execución é de 18 meses.

No caso desta licitación trátase da contratación dos servizos de I+D para o deseño, desenvolvemento e posta en funcionamento dunha solución piloto que permita, a través de tecnoloxía LED, inhibir o crecemento de microorganismo no patrimonio monumental de Santiago de Compostela.

Búscase situar o servizo de iluminación pública ornamental á vangarda da eficiencia, sen renunciar a unha idónea integración arquitectónica nunha contorna Patrimonio da Humanidade, promover a sustentabilidade ambiental ligada á fabricación e xestión da iluminación baixo un modelo de economía circular e reducir os gastos de conservación do patrimonio utilizando iluminación ornamental e IA para o mantemento preventivo da colonización biolóxica.

No alcance técnico do proxecto, ademais dos requisitos funcionais, contémplanse requisitos técnicos de prototipo de luminaria, requisitos de experimentación, requisitos técnicos e construtivos (os esixidos a anclaxes, os regulamentarios, os esixidos a luminarias e os esixidos a cadros de mando), ademais de requisitos para o piloto e para a conservación do patrimonio, todos eles recollidos no prego de prescricións técnicas desta licitación.

Ademais, deberanse ter en conta unha serie de requisitos xerais que inclúen a estética dos elementos fixos a despregar e os requisitos estéticos do proxecto piloto.

O prazo de presentación de solicitudes abrirase unha vez se publiquen oficialmente as distintas convocatorias, e será de 35 días.

Estes contratos súmanse á licitación por valor de 1.014.893,78 euros, que sacou o Concello hai uns meses, correspondente ao contrato de subministro dunha serie de elementos relacionados coa mobilidade no marco do proxecto Smartiago , elementos necesarios e esenciais para a correcta execucións dos proxectos de CPI previstos, como sistemas de control de accesos e sistemas para supervisión e control de acceso guiado en zonas de aparcamento da zona histórica.

Smartiago
Smartiago é un proxecto de Compra Pública de Innovación, o primeiro que se desenvolve nunha cidade patrimonio de España. Conta cun orzamento de 6.180.000 euros, cofinanciados nun 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a través do Ministerio de Ciencia e Innovación e nun 10% pola Axencia Galega de Innovación da Xunta de Galicia (GAIN).

A culminación das CPM é a aprobación e publicación destas tres licitacións. O proxecto Smartiago é transversal, e nel participan distintas concellarías, entre elas Urbanismo, Medio Ambiente e Mobilidade.

Compartir: