TURISMO

Santiago acollerá a cuarta edición do Fairway do 8 ao 10 de novembro

07/07/2020 "O Ano Santo 2021 é unha oportunidade diferencial para Santiago poda retomar a tendencia turística crecente dos últimos anos", apuntou o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, na rolda de prensa de presentación de Fairway, IV Fórum do Camiño de Santiago. O evento conta co apoio do Concello a través de Turismo de Santiago.

A cuarta edición do Fairway, que integra feira e congreso, celebrarase no Palacio de Congresos da capital de Galicia do 8 ao 10 de novembro, segundo confirmou o equipo directivo do evento, Manuel Oreiro, Ana Trevisani e Tono Mugico. Na rolda de prensa tamén participaron a comisaria do Xacobeo 2021, Cecilia Pereira, e o deputado provincial de Economía e Facenda, Antonio Leira.

Para Sindo Guinarte, Fairway é unha oportunidade para "volver a ver a luz" de cara ao Xacobeo 2021 e retomar "a dinámica positiva na que se atopaban a cidade e o Camiño antes da pandemia". "O Camiño -dixo- significa futuro e emprego para moitas pequenas e medianas empresas, e temos que ser capaces de adaptarnos á nova situación e utilizar este escaparate para recuperalo".

Protocolos de seguridade
Fairway adaptouse á nova normalidade aplicando as recomendacións sanitarias no seu formato, reforzando os protocolos de seguridade en canto a aforo, limpeza e desinfección e prevención. Así, o Fairway aplicará todas as medidas pactadas polos principais organismos estatais e autonómicos para o sector MICE, para que as persoas asistentes teñan a absoluta garantía de que tanto Santiago como o Fairway serán seguros.

No caso da parte dedicada aos negocios, o formato será moito máis internacional, reconducindo os contactos a un entorno dixital que permitirá ter maior presenza de intermediarios de todo o mundo. Ofrecerase un set especial para que os participantes no Fairway poidan teletraballar cunha conexión rápida e segura a través dunha plataforma multicliente, co obxectivo de que o tecido empresarial do Camiño poida ter tanto reunións non presenciais como as habituais.

Ademais, o congreso, as mesas de debate e a parte de formación xirarán en torno a sostibilidade, a Covid-19 e un Camiño máis axustado ás circunstancias actuais. Así, habilitaranse formatos equilibrados entre o presencial e o dixital, pero cun maior compromiso para que se comparta coñecemento, experiencias, e poidan extraerse conclusións prácticas para os profesionais do Camiño de Santiago.

Direcciones relacionadas



Compartir: