TURISMO

Turismo de Santiago crea unha ferramenta que concentra a oferta turística para familias

02/07/2020 Turismo de Santiago está desenvolvendo unha nova ferramenta telemática para que as familias que visitan a cidade poidan coñecer nun único espazo web toda a oferta turística dispoñible para elas. Trátase dun proxecto que afonda na estratexia de captación de turismo familiar, un segmento fundamental para a cidade, especialmente no contexto actual.

Con esta ferramenta de balde serán as propias empresas e entidades provedoras de servizos pensados para familias as que poderán cargar a súa oferta na páxina web de Turismo de Santiago, ampliando a súa capacidade de difusión, xa que a web da entidade municipal ten máis de tres millóns e medio de páxinas vistas ao ano.

O novo servizo de Turismo de Santiago estará dispoñible ao longo do mes de xullo. Neste momento estase comunicando ás empresas e entidades provedoras de servizos turísticos para familias as posibilidades da nova ferramenta, totalmente gratuíta para elas e de uso moi sinxela. As persoas interesadas en participar neste servizo poden contactar con Turismo de Santiago en ot@santiagoturismo.com.

A nova ferramenta segue na liña de DispoApp e Dispotur, creadas por Turismo de Santiago para facilitar información en tempo real para turistas e visitantes na web www.santiagoturismo.com.

DispoApp, creada en 2016, permite coñecer en tempo real a oferta de habitacións dispoñibles en Santiago no mesmo día. Pola súa banda, Dispotur, que naceu en 2017, permite a súa vez coñecer a oferta de actividades para turistas. Entre ambas sumaron preto de 100.000 páxinas vistas no 2019.

Ademais, tamén na liña de mellora da información web, a entidade municipal de promoción turística está actualizando a información sobre restaurantes da cidade. Na nova versión, dun deseño máis claro, os propios restaurantes poderán colgar información sobre a súa oferta, imaxes e vídeos dos seus estabelecementos, e enlaces as súas redes sociais. Os restaurantes interesados poden contactar co correo: prensa@santiagoturismo.com.

Compartir: