ALCALDÍA

O Concello de Santiago completa a galería de alcaldes republicanos coa incorporación do retrato de Raimundo López Pol

02/07/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, presidiu hoxe o acto de recepción da pintura conmemorativa en lembranza de Raimundo López Pol, rexedor compostelán entre 1931 e 1934. Encargouna o propio Concello, a través do Departamento de Acción Cultural, para completar a serie de retratos dos catro alcaldes que tivo a cidade durante a Segunda República: Francisco Javier Vázquez Enríquez, entre o 17 de novembro de 1934 e o 23 de febreiro de 1936; Ánxel Casal, dende esta última data ata o seu asasinato; José Germán Fernández, que só exerceu durante 12 días, xa que foi fusilado un 20 de agosto en Boisaca; e agora, Raimundo López Pol.

No acto tamén estaban presentes dous netos de López Pol, tres bisnetas e un tataraneto, ademais do autor da pintura, Xurxo Martiño; o concelleiro de Relacións Institucionais, Sindo Guinarte; e os edís Alejandro Sánchez-Brunete, do PP; Branca Novoneyra, de Compostela Aberta; e Goretti Sanmartín, do BNG. A recepción da obra ten lugar 88 anos despois do discurso inaugural da Asemblea preparatoria do Estatuto de Galicia, que tivo lugar no Paraninfo da USC, o 3 de xullo de 1932. A frase do ex-alcalde, "Santiago chama a todos os galegos a cooperar na obras de redención de Galicia", está recollida nun lateral do cadro. No outro lateral están representadas as cores da bandeira republicana.

Sánchez Bugallo recordou que López Pol foi o único dos catro alcaldes republicanos que resultou elixido por sufraxio universal, nas eleccións do 14 de abril de 1931. Ocupou a Alcaldía ata 1934, cando, engadiu, "de forma bastante estraña, a Corporación municipal foi disolta e substituída por unha xestora". Foi, segundo o actual rexedor, "o alcalde republicano por antonomasia, porque foi o único electo directamente polos cidadáns e porque estivo algo máis de tres anos e medio á fronte da institución municipal".

De Raimundo López Pol destacou que "é unha persoa recoñecida como boa, amigable. De feito, na Corporación tivo un papel moi protagonista na constitución da Asemblea de municipios galegos para a elaboración do Estatuto de Autonomía pero, paradoxicamente, o secretario desa Asemblea era o que teoricamente era o responsable da oposición". Refírese Sánchez Bugallo a Enrique Rajoy, que representaba un partido denominado Derecha Regional Gallega. Para o alcalde, "había un nivel de consenso, de respecto e de colaboración dentro da Corporación municipal que a min me parece modélico". Santiago, continua Sánchez Bugallo, foi recoñecendo a figura de López Pol, primeiro cunha rúa co seu nome, situada en San Lázaro, e agora "incorporando o seu retrato, unha obra de arte estupenda, á galería de alcaldes".

A pintura, realizada en madeira, destaca polo realismo da súa sobriedade, na que priman os negros e grises por riba dos tons verdes e marróns; e pola irregularidade conceptual coa que se presenta, en forma de corazón e cun pequeno relevo. Xurxo Martiño amósanos o retrato de Raimundo López Pol sobre un fondo que representa a améndoa compostelá. Durante o acto sinalou que a execución, en madeira, "parte da idea de que tiña moita relación coa artesanía de Compostela" e do seu pasado de escultor. "Fixen unha especie de retablo –engadiu- que representa a muralla da cidade coas sete portas de entrada", no que a Alameda está representada a través da cor verde.

Raimundo López Pol
Raimundo López Pol naceu en Santiago de Compostela en 1877, cidade na que tamén faleceu un 19 de setembro de 1958. Foi escultor, comerciante e político. Dende 1911 foi concelleiro no consistorio compostelán, ata que nas eleccións municipais de abril de 1931 foi elixido alcalde. Nese momento militaba na ORGA, a Organización Republicana Galega Autónoma (un partido político fundado en 1929 e disolto en 1934).

Presidente do Centro Republicano compostelán, accedeu á Alcaldía de Santiago nun contexto político complicado a nivel estatal, ao que Compostela non era allea, cun concello dificilmente gobernable. Aínda así, na súa traxectoria como alcalde destacan dous fitos importantes segundo o historiador Ramón Villares: en maio de 1931 organiza, con José Pasín, unha garda cívica que evitou os incendios de igrexas e conventos na cidade. E en xullo de 1932, promove a instancia de Rajoy Leloup, unha asemblea de municipios para a elaboración do proxecto de Estatuto de Galicia. En novembro de 1934 cesárono como alcalde, sendo substituído por Francisco Vázquez Enríquez.

En maio de 1935 elixírono presidente do comité local do Partido Nacional Republicano, do que foi un dos fundadores. O golpe de estado do 18 de xullo de 1936 obrigouno a abandonar o país. Logo de permanecer tres anos en Cuba, retornou a Compostela en xullo de 1939.

Xurxo Martiño
Xurxo Martiño naceu en Caxadas (Vimianzo), na provincia da Coruña, en 1964. Exhibiu por primeira vez nunha exposición colectiva celebrada no Círculo Mercantil de Santiago de Compostela. Desta primeira etapa destaca o accésit de arte xove na Bienal de Pontevedra en 1988, e dous premios-adquisición no Certame e Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo, en 1991 e 1996. Participou en distintas mostras colectivas como 10 visións da arte compostelá (Santiago, 1993) e Compostela na arte galega. En 1994 logrou o primeiro Premio de Pintura José Malvar para novos valores e, en 1996, o primeiro premio no décimo terceiro Certame de Pintura do Concello de Cambre.

Autor conceptualista, identificable co realismo, a partir do que concreta, abstrae e idealiza, aproximándose a un vago surrealismo, sempre cunha coidada execución. Cada unha das súas obras rescata empatías artísticas e alenta a inquietude explorativa de medios e técnicas. Estes aspectos fan que apareza sempre un factor distinto en cada acción creativa. Neste momento, Xurxo Martiño reparte o seu tempo e o seu traballo entre a Galería Trinta e o seu estudio, situado no barrio das Fontiñas.

Compartir: