CONSUMO

A cidade únese ao Día dos Dereitos das Persoas Consumidoras e Usuarias con varias charlas-coloquio

05/03/2007 A concelleira de Sanidade e Consumo, Elvira Cienfuegos, presentou os actos organizados con motivo do Día Internacional das Persoas Consumidoras e Usuarias, que se celebra o 15 de marzo. O Centro Sociocultural e Xuvenil do Ensanche acollerá tres charlas-coloquio sobre diversos temas relacionados co consumo.

Segundo indicou a concelleira, estas sesións informativas pretenden "achegar información sobre os dereitos que asisten á cidadanía en materia de consumo e sobre as formas de facelos valer. Trataranse aspectos presentes na vida cotiá, como a aplicación da lei de garantías, a seguridade alimentaria ou as normas de que rexen as comunidades de propietarios".

Sobre este último tema xirará a primeira das charlas, o 7 de marzo, ás 20.00 horas. Intervirán Rocío Arnoso Moure, da Unión de Consumidores de Galicia (UGAL) e Rafael Rodríguez Rey, axente da propiedade inmobiliaria. Precisamente sobre esta materia, a Oficina Municipal de Información ao Consumidor (OMIC), vén de presentar unha publicación, con información útil e práctica sobre as comunidades de propietarios.

Unha semana despois, á mesma hora, a presidenta da Federación de Euroconsumo Galicia, Aurora Lamas, e a doctora en Bioloxía Patricia Reboredo falarán sobre seguridade alimentaria. Finalmente, o 19 de marzo, a charla dedicarase á Lei de garantías de bens de consumo. Falarán sobre a mesma o secretario xeral de UGAL, Miguel López, e a secretaria xeral da Cámara de Comercio de Santiago, Filomena Casal.

Compartir: