TURISMO

Turismo de Santiago iniciará en xullo unha ambiciosa campaña de promoción dirixida aos mercados de proximidade

18/06/2020 O concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte, e a xerente de Turismo de Santiago, Flavia Ramil, reuníronse no Pazo de Raxoi con representantes da Asociación Hostalaría Compostela: a súa presidenta, Sara Santos; o membro da xunta directiva pola sección de restauración, Lois Lopes; e o seu xerente, Ramón García.

O obxecto da reunión foi analizar as medidas que se están levando a cabo para a reactivación do sector turístico da cidade, unha vez que o vindeiro 21 de xuño xa se permitan os movementos entre comunidades autónomas e se abran as fronteiras entre países europeos, salvo a de Portugal, prevista para o 1 de xullo.

Na xuntanza presentáronse as liñas básicas dunha ambiciosa campaña de promoción turística que desenvolverá Turismo de Santiago. Está previsto que esta campaña comece no mes de xullo, dirixíndose principalmente aos mercados de proximidade, incluíndo Portugal, que se poidan desprazar a Galicia nos meses centrais de verán.

Acordouse que o obxectivo deste campaña nos meses de verán é fomentar as estadías de polo menos cinco días. Para iso, dirixirase principalmente ao público familiar e porase en valor a condición de Santiago como capital e centro de Galicia, que serve de base ideal para coñecer as múltiples opcións que hai no país, dende a costa ata a montaña.

A partires de setembro desenvolveranse novas accións de promoción dentro desta campaña. Estas novas accións adaptaranse á evolución da enfermidade e ás posibilidades de movemento turístico en cada momento, tanto en España como nos principais mercados europeos emisores a Santiago.

Convocatoria de axudas
Na xuntanza, Sindo Guinarte tamén presentou a convocatoria de axudas para a mellora e innovación da restauración e a hospedaxe compostelá, que abriu o prazo de presentación de solicitudes o pasado 16 de xuño e que estará aberto ata o vindeiro 14 de xullo.

A Concellaría de Turismo destina a estas subvencións 100.000 euros, ampliables noutros 300.000 en función da demanda. O obxectivo destas axudas é fomentar a innovación na restauración e hospedaxe de Santiago, como ferramenta fundamental para incrementar a súa competitividade empresarial e facilitar a adaptación ao novo contexto económico derivado da COVID-19.

As axudas directas ao sector e a campaña de promoción son dúas das principais medidas incluidas no Plan de Accións para a recuperación do sector turístico da cidade, que o Consello de Administración de Turismo de Santiago aprobou xa o pasado 28 de abril, no que se inclúen 3 liñas estratéxicas e 16 medidas concretas.

Compartir: