ACCIÓN CULTURAL

Compostela celebra este domingo o Día Europeo da Música con concertos de diversos estilos nas prazas e rúas da cidade

17/06/2020 Baixo o lema "Música para camiñantes", o domingo 21 de xuño celébrase o Día Europeo da Música. Compostela únese a esta celebración cun programa de concertos ao aire libre de diversos estilos en prazas e rúas ao longo de toda a xornada.

A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, presentou o programa deste Día Europeo da Música, que "encherá de música ao vivo as prazas e outros espazos de Compostela". Trátase, dixo, dun paso máis para ir "recuperando a imprescindible actividade cultural", pero "sendo conscientes da responsabilidade e da prudencia necesarias" e respectando as medidas de seguridade. Por iso, indicou que os concertos terán o formato de flashmob, para "evitar concentracións de público", que poderá ir desprazándose de cita en cita.

Acompañaron á concelleira na rolda de prensa o director da Banda Municipal de Música, Casiano Mouriño, e Gustavo Couto, de Ultreia. Estas dúas formacións serán dúas das protagonistas da xornada: a Banda con dúas actuacións en Praterías e praza Roxa, e Ultreia como parte das agrupacións de música tradicional que animarán as rúas ao longo do domingo.

Programa
De 11:00 a 13:00 e de 16:00 a 18:00 h, Brincadeira, Cantigas e Agarimos, Colexiata de Sar e Ultreia encherán de música tradicional varios espazos da cidade. Farano con pequenas formacións, que chegarán ata Concheiros, San Pedro, Basquiños, zona vella, praza de Galicia, Ensanche e Romero Donallo.

Ao mediodía (12:00 h), o grupo de clarinetes da Banda Municipal ofrecerá un concerto na praza Roxa, con obras de Mozart, Grundman, H. Mancini, B. Goodman, S. Joplin e G. Baudot. Unha hora despois (13:00 h), tomará o relevo o grupo de saxofóns na praza das Praterías, cunha actuación titulada "Música entre danzas", na que os/as músicos/as interpretarán obras de C. Debussy, D. Shostakovich, L. Florenzo, A. Piazzola, P. Iturralde e G. Miller.

Xa pola tarde, cambio de estilo e de escenario. Ás 18:00 h, o parque Eugenio Granell (xardín ornamental do parque Novo Milenio) acolle a actuación ao piano de Aida Saco. E ás 18:45, concerto de Ton Risco ao vibráfono na praza das Pontes do Sar.

A praza Roxa (cruceiro do Agro de Ramírez) será o lugar onde, ás 19:30 h, as voces femininas do coro Sisters in the House deleitarán ao público co seu innovador e premiado espectáculo. O Día Europeo da Música pecharase a ritmo de jazz na rúa de San Clemente, coa actuación ás 20:15 h de Gerson Tineo Trío.

Direcciones relacionadas



Compartir: