CASCO HISTÓRICO

Solución alternativa á plataforma da Costa Vella

02/03/2007 Despois de analizar o impacto visual da plataforma de formigón construída na Costa Vella, a carón da nova Biblioteca Pública, o arquitecto do proxecto, Andrés Perea, mostrou a súa disposición a buscar unha solución alternativa. Así llo manifestou ao alcalde, Xosé A. Sánchez Bugallo, e á concelleira de Urbanismo e Casco Histórico, Mercedes Rosón, nunha reunión mantida en Raxoi.

"O impacto é importante e é cuestionable se o prezo merece a pena tendo en conta a perspectiva da Costa Vella dende Xoan XXIII", indicou o arquitecto. O problema fundamental é que a construción tapa a vista da totalidade da rúa.

Andrés Perea quixo explicar cal fora o fundamento da plataforma, coa que se quería dar acceso aos veciños desta zona. "Quería crear un pequeno espazo veciñal, cun remate para sentarse, nunha especie de miradoiro". Non obstante, afirmou ter analizado o impacto e asegurou que se buscará "outra forma" de dar un aspecto atractivo a este espazo.

Segundo apuntou, a solución será "rápida" e non moi custosa. A plataforma de formigón será eliminada de inmediato.

Compartir: