XUNTA DE GOBERNO

O Concello prevé recuperar a normalidade no transporte urbano para o 1 de xullo

08/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, deu conta en rolda de prensa dos asuntos tratados na sesión ordinaria da Xunta de Goberno Local celebrada este luns. Entre os temas abordados figurou a recuperación da totalidade de asentos nos autobuses do servizo de transporte público ou decreto con instrucións relativas á hostalería en relación á fase 3 da desescalada.

O paso de Galicia á fase 3 da desescalada posibilita o levantamento dalgunha restrición en relación a etapas anteriores. É o caso do transporte público, no que xa se van poder utilizar todos os asentos dos autobuses. En canto aos pasaxeiros que poidan ir de pé no autobús, establécese que sexa un/unha pasaxeiro/a por cada dous metros cadrados.

Tamén en relación ao transporte urbano, o alcalde explicou que "o crecemento da demanda está sendo lento. Mentres o transporte privado se move xa en parámetros do 70% respecto á situación antes da crise sanitaria do COVID-19, o transporte urbano móvese en marxes do 23% ou 24%. En calquera caso, anunciou que se irán "recuperando paulatinamente" os servizos e que o 1 de xullo o transporte público volverá á normalidade, coa entrada en vigor dos horarios de verán.

Preguntado pola posibilidade de recargar as tarxetas de transporte novamente nos propios autobuses, Sánchez Bugallo puxo igualmente o 1 de xullo como a data da volta á normalidade. Non obstante, dixo, "antes gustaríanos abrir puntos de recarga nos centros socioculturais para facilitar as recargas". Ademais, o alcalde insistiu na recomendación aos usuarios e usuarias do pago con tarxeta, "por razóns hixiénicas e de operatividade do servizo".

Instrucións para a hostalería
A Xunta de Goberno Local tamén validou unha instrución de aplicación da fase 3 da desescalada ao sector de restauración, hostalería, discotecas e locais de ocio nocturno. A Orde SND/458/2020 mantén no artigo 18.4 a posibilidade de que o Concello conceda permiso para incrementar a superficie destinada a terraza ao aire libre, incrementando o número de mesas, respectando en todo caso a proporción do 75% entre mesas e superficie dispoñible e levando a cabo un incremento proporcional do espazo peonil no mesmo tramo da vía en que se ubique a terraza.

A fase III tamén permite a reapertura ao público de locais de hostalería e restauración para o consumo no local, sempre que non superen o 50% do seu aforo. Ademais, os locais que teñan terrazas en espazos libres privados ao aire libre (tanto con acceso directo dende o exterior como a través do local) poderán ocupalas co 75% das mesas e cadeiras contidas a súa autorización do ano 2019.

En canto locais e bares de ocio nocturno, poden proceder á reapertura ao público sempre que non superen o 75% do seu aforo e cumpran as condicións previstas no capítulo IV da citada orde. En todo caso, poderán proceder á apertura ao público das terrazas ao aire libre (tanto en viario público como en espazo libre privado) nas mesmas condicións e cos mesmos requisitos previstos para os locais de hostalería e restauración fixadas nas instrucións ditadas con anterioridade e nas ordes da autoridade sanitaria. O espazo destinado a pista de baile ou similar nestes locais, poderá usarse para instalar mesas ou agrupacións de mesas, coas condicións do resto dos locais fixadas na orde. No caso de que soliciten e obteñan autorización ou licenza para terraza por primeira vez, a ocupación efectiva debe limitarse ao 75% da ocupación autorizada neste ano 2020.

Tamén en relación a este sector, o Goberno local aprobou as bases da convocatoria de axudas a hospedaxe, hostalería e restauración, que mañá martes presentará o concelleiro de Turismo, Sindo Guinarte.

Finalmente, seguindo coa desescalada e preguntado pola apertura dos parques infantís, o rexedor indicou que "nestes días tomaremos unha decisión, pero probablemente será a finais de xuño".

Plan de Contratación
En resposta a unha pregunta xornalística sobre o Plan de Contratación, o alcalde incidiu en que "o seu importe é excepcional como consecuencia dunha situación excepcional, co boa parte dos grandes contratos vencidos". Ademais, destacou que o incremento no importe destes contratos redundará nunha mellora dos servizos públicos e nunha necesaria renovación de vehículos, equipamentos e materiais".

En relación á xestión da auga, apuntou que "se impón o pragmatismo", porque os investimentos que precisa "sitúanse fóra da capacidade inversora do Concello de Santiago". Indicou que para financiar estes investimentos – como a extensión das redes de abastecemento e saneamento a todo o rural ou a renovación das instalacións obsoletas do casco urbano- o Concello "precisa dun socio privado que anticipe unha parte importante deses investimentos, non menores a 60 millóns de euros". E nesa busca dun socio privado, dixo, "o sistema habitual é o sistema concesional". Explicou que se establece un contrato de 20-25 anos porque "é un investimento notable e non sería razoable repercutilo en 10 anos, cando as redes renovadas ou construídas teñen que ter unha vida útil non inferior a 30 ou 35 anos, pois iso suporía un incremento importante das tarifas".

Por todo isto, Sánchez Bugallo cualificou o sistema de concesión elixide e a súa duración como unha opción "ponderada, razoable e a máis razoable para os intereses de Santiago". En calquera caso, recalcou que "haberá que reforzar a capacidade de control, tanto a través da figura do responsable contrato como do servizo administrativo encargado desta tarefa".

E sobre a renuncia a municipalizar o servizo, o alcalde cre que "as experiencias que temos de municipalización de servizos non son especialmente ilusionantes como para seguir emprendendo ese camiño".

Direcciones relacionadas



Compartir: