IGUALDADE

En marcha a convocatoria 2020 de subvencións a programas e actividades en prol da igualdade

07/06/2020 Ata o 20 de xuño está aberto o prazo para presentarse á convocatoria de subvencións para o fomento de programas e actividades en prol da igualdade efectiva entre mulleres e homes e das persoas do colectivo lésbico, gay, transexual, bisexual, queer e intersexual (LGTBQI), e prevención e loita contra as violencias machistas, durante o ano 2020. Convocada polo Concello de Santiago a través da Concellaría de Igualdade, a convocatoria conta cun orzamento de 30.000 euros, podendo subvencionarse o 100% do gasto presentado, sempre que non supere a contía máxima de 3.000 euros por entidade.

Estas axudas están destinadas a todas aquelas asociacións e entidades sen ánimo de lucro que, entre outros requisitos, teñan recollido expresamente nos seus estatutos, como obxecto ou entre os seus fins, a consecución da efectiva igualdade de oportunidades e de trato entre mulleres e homes e/ou a defensa dos dereitos e liberdades das persoas e colectivo LGTBQI. Tamén deben ter sede, domicilio social ou delegación permanente no termo municipal de Compostela. Estas condicións deberán cumprirse na data en que finalice o prazo de presentación das solicitudes de subvención e deberanse manter todas elas ao longo do ano 2020.

A convocatoria conta con tres liñas de axudas:

- Liña 1. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva entre mulleres e homes. O obxecto desta liña é o de apoiar a realización de actividades e o desenvolvemento de iniciativas que promovan a igualdade de xénero,

- Liña 2. Programas e actividades de fomento da igualdade efectiva das persoas LGTBQI, no que se inclúen accións de sensibilización contra os estereotipos e prexuízos e de promoción da visibilidade e normalización dos dereitos do coelctivo.

- Liña 3: Programas e actividades para a prevención das violencias machistas no municipio de Compostela. O obxecto desta liña é o de apoiar a posta en marcha e/ou o desenvolvemento de actividades e iniciativas que teñan como finalidade a avanzar cara a unha cidade libre de violencias machistas.

As solicitudes de subvención poden presnetarse no Rexistro Xeral do Concello, no Rexistro Auxiliar do Ensanche ou ben en calquera dos lugares indicados no apartado 4), do artigo 16, da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de procedemento administrativo común das administracións públicas. O horario de verán do Rexistro Municipal para a recepción de solicitudes será de 09:00 a 13:00 horas.

Direcciones relacionadas



Compartir: