PATRIMONIO

O Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre dotarase dun plan director

04/06/2020 A concelleira de Urbanismo e Acción Cultural, Mercedes Rosón, xunto a representantes da Deputación da Coruña e dos concellos de Ames, Brión e Teo, participou na Xuntanza do Consello Director de Compostela Rupestre. Foi unha reunión telemática na que se decidiu a licitación do Plan Director de Xestión do Parque Arqueolóxico Compostela Rupestre, que se licitará por 95.567,01 €.

Na xuntanza tamén participaron, entre outras autoridades, o responsable de Contratación e Patrimonio da Deputación da Coruña, Xosé Luís Penas; o tenente alcalde de Ames e actual presidente de Compostela Rupestre, David Santomil; e as concelleiras Yolanda Bouzas, de Brión; e Maite Argibay e Iria Otero, de Teo; ademais de representantes da área de Turismo da entidade provincial. No encontro concretáronse os termos en que se contratará a elaboración do Plan Director, que sairá a concurso cuns pregos que contemplarán un programa de actuacións nos petroglifos e na contorna próxima nos concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra, e que incluirá un plan específico de documentación e investigación, un plan de protección, conservación preventiva e de mantemento e un plan de divulgación, comunicación e musealización.

O prazo de execución de será de seis meses e proponse a creación dun equipo multidisciplinar. Na xuntanza abordouse tamén a necesidade de destacar a sinalización e deseño de roteiros que permitan e faciliten a interpretación da arte rupestre e a súa relación co entorno natural e patrimonial no que se atopan, a dixitalización 3D dos petroglifos e a integración na web www.compostelarupestre.gal e a dispoñibilidade á posible adquisición de terreos de interese para o parque arqueolóxico.

"A xuntanza deu un paso adiante imprescindible no desenvolvemento do proxecto no que estamos implicados cinco concellos ademais da Deputación da Coruña, que se consolidará coa elaboración do Plan Director que trazará a folla de ruta para a consolidación do parque e a conservación e posta en valor do extraordinario patrimonio arqueolóxico da comarca", sinalou o tenente alcalde de Ames e actual presidente do Consello Director de Compostela Rupestre.

Pola súa parte, o deputado de Patrimonio e Contratación, Xosé Luís Penas, destacou a "colaboración que se está a desenvolver man a man por cinco concellos máis a propia Deputación á hora de executar conxuntamente un proxecto que ten un grande interese, non só en relación directa co propio patrimonio, senón tamén co desenvolvemento económico da zona, xa que non hai dúbida de que a riqueza patrimonial pode xerar tamén beneficios para os municipios".

A cooperación entre a Deputación da Coruña e os concellos de Ames, Brión, Santiago de Compostela, Teo e Val do Dubra co fin de desenvolver o proxecto Parque Compostela Rupestre selouse coa sinatura do convenio de colaboración o día 18 de setembro de 2018. As institucións implicadas comprometíanse a xestionar, de maneira conxunta, a promoción e posta en valor da arte rupestre dos seus termos municipais.

Cooperación concellos-Deputación
Nas bases do acordo, no apartado que establece o procedemento para a xestión conxunta do proxecto, figuraba xa, entre outras cuestións, a redacción dun plan director que concrete as actuacións a realizar.

"O Plan Director de Compostela Rupestre debe ser, en primeira instancia, o documento de estudo dos diversos compoñentes interdisciplinares que constitúen o territorio obxecto de estudo: arqueoloxía, historia, xeografía, cultura, paisaxe, medio ambiente ou urbanismo, entre outras disciplinas", sinala David Santomil.

A información derivada desta investigación permitirá determinar non só as características e peculiaridades do medio físico e do poboamento ao longo da prehistoria e historia, senón que, ademais, permitirá identificar tanto as limitacións como as oportunidades para protexer e difundir o patrimonio rupestre da comarca de Compostela.

A secuencia final dos estudos que se realicen debe ser a definición clara de obxectivos, directrices, estratexias e liñas de acción viables para xestionar e impulsar -a curto, medio e longo prazo- o parque arqueolóxico de Compostela Rupestre.

Este secuenciación simple (investigación, protección, divulgación e xestión) articularán os pregos de técnicas do Plan director, que é resultado das achegas realizadas por cada concello e avalado polo Consello Asesor de Compostela Rupestre.

Outras actuacións
De xeito paralelo á licitación do Plan Director, o Consello de Dirección acordou desenvolver outras actuacións, como a análise de dispoñibilidade de parcelas que contan con autorización ou que son susceptibles de adquisición pública, a realización de limpezas preventivas antes do verán por parte de cada concello ou a elaboración dun vídeo documental.

Compostela Rupestre solicitará tamén a colaboración económica da Xunta de Galicia, que forma parte do Consello Asesor a través da Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

Direcciones relacionadas



Compartir: