VIVENDA

A Pulleira acollerá un novo polígono con máis de 1.600 vivendas sociais

12/05/2005 "Adicamos os mellores polígonos da cidade a vivendas protexidas", suliñou o alcalde Sánchez Bugallo no asinamento do convenio coa Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda da Xunta de Galicia que permitá a construcción dun novo polígono de perto de 1.600 vivendas na Pulleira, no denominado SUNP-36

Este número inicial -concretamente 1.595- previsto no convenio asinado o xoves 12 de maio polo Alcalde e polo Conselleiro de Política Teritorrial, Alberto Núñez Feijóo, podería incrementarse no planeamento municipal actualmente en tramitación, o Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), segundo apuntou o alcalde.

O convenio establece a cooperación da empresa municipal de vivenda e solo, EMUVISSA, e do Instituto Galego da Vivenda e Solo na preparación do solo residencial e na futura execución do polígono de A Pulleira dedicado a vivendas de protección oficial, que segundo indicou o Alcalde podería comezar a construírse no ano 2007 e estar rematado no ano 2009. O convenio establece que cada unhas das administracións, local e autonómica, aportará o 50% dos custos do planeamento para o desenvolvemento do SUNP-36, cun custo total estimado en preto de 500.000 euros.

Será este o primeiro polígono realizado integramente cun fin social, nunha ubicación e cuns parámetros de calidade que o alcalde cualificou de "excepcionais". Bugallo expresou a súa satisfacción polos resultados acadados pola colaboración entre as administración local e autonómica a través de distintos convenios desde hai anos e que teñen como prioridade a construción de vivendas protexidas accesibles para os cidadáns con menores recursos económicos.

Neste senso, o alcalde compostelán lembrou que ao longo dunha década Compostela incorpora preto de 6.300 vivendas co propósito de ofrecer unha oferta que permita corrixir o déficit histórico en vivendas destas características e que permita que moita xente que ten á capital de Galicia como lugar de traballo poida vivir en Compostela.

Compartir: