ALCALDÍA

O Concello e a Xunta preparan a posta en marcha da nova estación de autobuses intermodal

02/06/2020 O alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo, e a conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantiveron este martes unha xuntanza cos responsables da empresa municipal Tussa para abordar a xestión da nova estación de autobuses da intermodal de Santiago. Na reunión tamén participaron os concelleiros de Urbanismo, Mercedes Rosón; e de Mobilidade e Seguridade Cidadá, Gonzalo Muíños; o director municipal da Área de Urbanismo, Ignacio Cerrada; e o director xeral de Mobilidade da Xunta, Ignacio Maestro.

O Concello e a Xunta asinarán este mes o convenio para a xestión da terminal, o que permitirá licitar de forma inmediata os novos contratos para a cafetería, a seguridade, a limpeza ou o sistema informático de información. O Goberno local e o Executivo autonómico están a avanzar para que, unha vez que rematen as obras, se poida realizar o traslado dos autobuses á nova terminal a comezos do outono.

A construción da nova estación de autobuses, que leva a cabo a Xunta, xa se achega ao 70% da súa execución total. Tamén se superaron os retrasos na pasarela peonil a raíz da crise da COVID-19 e da falta de subministro de material procedente de Italia. A terminal xa se atopa na súa recta final, polo que as Administracións están a coordinarse para a súa posta en marcha e garantir un funcionamento correcto e completo.

O convenio para a xestión da nova terminal de autobuses concretará a fórmula para a explotación, por parte da empresa municipal Tussa, dunha estación de nova construción con máis de 13.700 metros cadrados e 36 dársenas, na que se prevén 2 millóns de pasaxeiros ao ano.

As instalacións contan con peculiaridades e diferenzas con respecto á actual terminal, xa que se trata dunha estación intermodal que vai estar conectada á de ferrocarril, na que se espera a chegada do AVE. A nova estación de autobuses ten un emprazamento máis céntrico que a actual terminal, con vistas sobre as Brañas do Sar e o Monte Gaiás.

Compartir: