ACCIÓN CULTURAL

O Grupo de Cidades Patrimonio aposta polos eventos culturais e as compañías locais para reactivar o turismo e a economía

26/05/2020 A Comisión de Educación, Cultura e Deporte do Grupo de Cidades Patrimonio da Humanidade de España reuniuse este martes telematicamente e acordou impulsar a contratación de artistas, artesáns, asociacións e colectivos locais que forman parte da riqueza e do tecido cultural de cada municipio e, desta forma, apoiar a programación de eventos para este verán e tamén a reactivación económica. A concelleira de Acción Cultural, Mercedes Rosón, representou a Santiago nesta xuntanza.

Segundo explicou o presidente da Comisión e alcalde de Salamanca, Carlos García Carbayo, "referendamos o compromiso de todas as nosas cidades coa cultura e con todas as compañías locais. Por parte de todas as cidades está a facerse un grande esforzo para reprogramar e para buscar novos formatos. Non renunciamos á cultura, un factor esencial na vida cotiá e na actividade turística das nosas cidades".

Na reunión tamén se abordou a implementación de protocolos sanitarios. O presidente da Comisión de Cultura sinalou que "todas as cidades están a traballar para manter a actividade cultural, pero estanse readaptando formatos para celebrar gran parte dos eventos ao aire libre, con aforos controlados e reducidos e garantindo todas as medidas de seguridade sanitarias nas contornas monumentais, nas prazas e tamén nos barrios. O distanciamento social e a seguridade van ser a norma de todos os nosos espectáculos. Imos levar os espectáculos tamén aos barrios das nosas cidades, sempre contando co tecido asociativo e o sector cultural local que necesita apoio".

Dende o Grupo están a compartirse ideas e incentivos que están a poñer en marcha as cidades. O presidente da Comisión subliñou que "o sector cultural vai contar co noso apoio a través de moi diversos cauces, dende anticipos dos cachés ou bonos ao comercio, medidas coas que queremos facer chegar o noso apoio aos sectores culturais que o necesitan e que tamén constitúen un motor económico".

Carlos García Carbayo indicou que "as 15 Cidades Patrimonio terán un variado programa de eventos este verán e tamén se está traballando para ofrecer un outono repleto de citas culturais". Nese sentido lembrou que o Grupo volverá celebrar A Noite do Patrimonio o 12 de setembro. Trátase dun grande evento cultural, que inclúe o festival Escena Patrimonio, que ofrecerá espectáculos de danza nas 15 cidades. Ademais, esa noite máxica tamén se celebra Aberto Patrimonio, con actividades nos centros históricos e monumentais das cidades. O alcalde de Salamanca apuntou que "imos reforzar tamén a retransmisión online, para chegar a máis cantidade de público e para que máis persoas poidan gozar dos espectáculos e dos nosos centros históricos".

O presidente da Comisión concluíu afirmando que "somos un referente para o resto de cidades españolas e imos seguir traballando para impulsar o turismo próximo e seguro, cun programa de actividades que sexa un aliciente para os viaxeiros nacionais e internacionais, sen esquecer que as Cidades Patrimonio estamos sempre á beira dos nosos cidadáns para ofrecerlles o mellor de nós mesmos".

Compartir: