ACCIÓN CULTURAL

O despacho de billetes do Teatro Principal inicia o proceso de devolución de entradas para espectáculos adiados ou cancelados polo cese de actividades

26/05/2020 O despacho de billetes do Teatro Principal reabrirá mañá, mércores 27 de maio de 2020, para comezar a tramitar as devolucións das entradas dos espectáculos adiados ou cancelados polo cese de actividades. Até o 20 de xuño, as persoas que mercaran as súas entradas de forma presencial na billeteira poderán solicitar a devolución do seu importe. O horario de atención será de martes a sábado de 11:00 a 14:00 e de 18:00 a 20:00 h.

É imprescindible presentar a entrada adquirida para que a devolución sexa efectiva e o reembolso farase no mesmo método que se empregou para a compra. Así, o importe das entradas adquiridas con tarxeta de crédito será reingresado na mesma tarxeta. No caso das entradas compradas con diñeiro en efectivo, os cartos devolveranse tamén en metálico á persoa portadora da entrada.

De non querer solicitar a devolución, as entradas seguirán sendo válidas para os espectáculos adiados na súa nova data. En función da evolución das recomendacións sanitarias e as medidas de prevención esixidas para cada caso e data, as butacas previamente asignadas poderán ser modificadas.

Non será preciso reservar cita para achegarse ao despacho de billetes a solicitar as devolucións. Porén, Compostela Cultura pide ás persoas usuarias que lembren respectar en todo momento as medidas de distanciamento e hixiene nas súas visitas.

A devolución das entradas adquiridas no portal compostelacultura.gal foi tramitada durante o período de confinamento tras contactar coas persoas que as mercaran por esta vía. Este proceso que se abre agora é exclusivo para as entradas mercadas de forma presencial no despacho de billetes do Teatro Principal.

Devolución de abonos da RFG
Esta semana iniciouse o proceso de devolución do importe correspondente aos concertos cancelados do programa de abono da Real Filharmonía de Galicia. A tramitación comezou co reembolso das entradas correspondentes a abonos adquiridos con tarxeta de crédito. Nas próximas semanas, procederase a contactar coas persoas que adquiriran abonos en metálico para tramitar esoutras devolucións. Propiciaranse medios para que a devolución poida tramitarse de xeito telemático.

Toda a información actualizada sobre o adiamento ou suspensión das actuacións estará dispoñible na web compostelacultura.gal e nos boletíns da Axenda C.

Compartir: