PROMOCIÓN ECONÓMICA

A II Gala do Comercio homenaxeará a seis establecementos tradicionais de Compostela

01/03/2007 A Casa dos Queixos, Calzados Severino, Confitería Las Colonias, Joyería Malde, Farmacia Gómez Ulla e o Quiosco do Toural son os seis establecementos que serán homenaxeados na II Gala do Comercio "Compostela Capital de Compras", organizada pola Concellaría de Promoción Económica no marco do programa "Marzo, mes do comercio".

Nas bases establecíase a selección de cinco comercios, pero houbo un empate a puntos entre a Farmacia Gómez Ulla e o Quiosco do Toural, polo que a comisión avaliadora elixiu a seis homenaxeados. O xurado tamén acordou de forma unánime conceder unha mención especial, xa fóra de concurso, a Ultramarinos Castro.

A elección dos homenaxeados marca o inicio dun mes dedicado á dinamización comercial, que rematará o 30 de marzo, no Auditorio de Galicia, coa homenaxe e entrega dos premios do III Concurso municipal de escaparatismo "SCQ Shopping" a Andrómenas e do Concurso de imaxinación máis comercio a Zürich SCQ".

Á convocatoria presentáronse 15 establecementos. Entre eles, a comisión avaliadora elixiu aos seis valorando criterios de antigüidade e de paso de xeración a xeración no seo dunha mesma familia.

A Gala do Comercio Comercio "Compostela Capital de Compras" será conducida pola presentadora galega Yolanda Vázquez. O seu obxectivo é fortalecer os lazos entre os comerciantes de Santiago, recoñecer o seu labor e premiar a excelencia dos establecementos.

Este evento enmárcase no programa "Marzo, mes do comercio", co obxectivo de dinamizar o comercio compostelán, converter a Santiago no referente indiscutible do seu contorno e liderar o sector na euro-rexión Galicia-Norte de Portugal.

Compartir: