ALCALDÍA

Bando do alcalde sobre a peonalización de varias rúas do Ensanche e instalación de terrazas

16/05/2020 O pasado 28 de abril, o Consello de Ministros adoptou o Plan para a transición cara á nova normalidade co que se inicia o proceso de redución das medidas extraordinarias de restrición da mobilidade e do contacto social, establecidas mediante o Real decreto 463/2020, do 14 de marzo. Este proceso articúlase en catro fase (fase 0 a fase 3) que se irán sucedendo de xeito gradual en función da evolución dos datos epidemiolóxicos e do impacto das medidas adoptadas.

Co fin de facilitar a mobilidade da cidadanía nestas fases e de garantir o distanciamento necesario para evitar riscos de contaxio, o Concello considera conveniente, despois do bo funcionamento da primeira peonalización, que se pechen ao tráfico rodado entre as 12.00 h do sábado 16 de maio e as 24.00 horas do domingo 17 de maio as seguintes rúas:

- Rúa de Fernando III O Santo, no tramo comprendido entre a rúa da República Arxentina e a rúa da Rosa.
- Rúa Nova de Abaixo
- Rúa de Santiago del Estero dende a Praza de Vigo
- Rúa de Santiago de Chile
- Rúa do Xeneral Pardiñas
- Rúa da República do Salvador
- Rúa de Alfredo Brañas


O estacionamento de vehículos en superficie nesas rúas tampouco estará permitido durante o referido período de tempo. De xeito excepcional, autorizarase o tránsito de vehículos polas rúas indicadas para acceder a garaxes ou aos aparcadoiros públicos. Esta medida afectará tamén ás liñas 5, C2, C11 e P6 do transporte público, nos días e horario sinalado

Para evitar no posible os riscos de contaxio, os peóns que circulen polas rúas que se pecharon ao tráfico deberán facelo pola beirarrúa da súa dereita.

No espazo público debemos convivir todos, por isto o Concello de Santiago vén de ditar unha instrución coas normas para a instalación de terrazas, de obrigado cumprimento para os locais de hostalería e restauración, que establece os seguintes requisitos:

1.- O número máximo de mesas e cadeiras permitidas limítase ao 50% do número total do que xa tiñan autorizado no ano 2019.

2.-Respectarase en todo caso a área peonil, que debe ter un largo mínimo de 2 metros.

3.- O módulo tipo está constituído por unha mesa e catro cadeiras enfrontadas dúas a dúas, ocupando teoricamente 1,60 x1,60 metros. Permitiranse tamén os outros módulos que contempla a Ordenanza municipal reguladora da ocupación de dominio público con terrazas.

En calquera caso, o número máximo de persoas que poden estar en cada un dos módulos son as correspondentes ás cadeiras permitidas no artigo 17 da Ordenanza:
-Nunha mesa de catro cadeiras poderán estar un máximo de catro persoas.
-Nun módulo de dúas cadeiras poderán estar un máximo de dúas persoas.
-Non se pode aumentar o número de cadeiras por mesa nin permanecer persoas sentadas e de pé na mesma mesa incrementando a ocupación.

4.- De conformidade co sinalado no apartado 3 do artigo 15 da Orde SND/399/2020, do 9 de maio, a ocupación máxima será de dez persoas por agrupación de mesas, polo que:
- Para que poidan sentarse oito persoas deberán disporse xuntas dúas mesas de catro ou calquera outra agrupación conforme cos módulos aprobados, respectando a correlación entre mesas e cadeiras establecida nos mesmos.
- Para que poidan sentarse dez persoas deberán xuntarse dúas mesas de catro cadeiras e unha de dúas cadeiras ou calquera outra agrupación conforme cos módulos aprobados respectando a correlación entre mesas e cadeiras establecida nos mesmos.

5.- De presentarse dúbidas na efectiva ocupación nalgún local, deberán manifestala por correo electrónico enviado a informacionurbanismo@santiagodecompostela.gal, achegando unha proposta cun plano no que quede reflicta a mesma a efecto do seu estudo e validación.

6.- A empresa debe establecer a forma de controlar que o cliente non faga un uso arbitrario do equipamento e de que se respecten as normas establecidas.

7.- A empresa debe establecer a forma de asegurar que o equipamento se desinfecta entre cliente e cliente.

8.- As terrazas autorizadas ao aire libre en espazo libre privado, poderán instalarse nas condicións de seguridade establecidas na Orde SND/399/2020 de 9 de maio e na súa licenza co 50% da ocupación autorizada sempre que teña acceso directo dende o exterior.

Todos agradecemos a posta en marcha das medidas que nos están permitindo relaxar o confinamento, pero isto non significa que poidamos baixar a garda. O virus segue circulando e será preciso que continuemos adoptando as accións de protección necesarias para impedir que aumenten os contaxios.

Apelo, por este motivo, á responsabilidade individual da cidadanía de Compostela. Nestas circunstancias unha vixilancia exhaustiva do cumprimento de todas as medidas por parte das forzas e corpos de seguridade é absolutamente inviable, polo que depende de cada un de nós achegar o noso grao de area para saír canto antes desta crise Durante este tempo, o voso comportamento foi exemplar e así debe seguir sendo.

Grazas pola vosa solidariedade, polo voso compromiso e pola compresión que estades a demostrar.

Xuntas e xuntos imos conseguilo!

Santiago de Compostela, 15 de maio de 2020

Xosé A. Sánchez Bugallo

Alcalde

Documentos relacionados



Compartir: