EDUCACIÓN

Compostela acolle as V Xornadas da muller

01/03/2007 A concelleira de Educación e Mocidade, Elvira Cienfuegos, presentou as V Xornadas da muller "Coeducación e Interculturalidade, que por segunda edición se celebran en Santiago. Esta iniciativa, formulada a nivel de toda Galicia, pretende facer reflexionar en torno á igualdade de xénero dende o ámbito educativo.

"Estas xornadas son un motivo para reflexionar e debater sobre a educación para a igualdade", indicou Elvira Cienfuegos ao respecto dun evento que se celebrará os días 9 e 10 de marzo no Centro Sociocultural do Ensanche. Están organizadas pola Asociación Socio-Pedagóxica Galega (AS.PG) e por CIG-Ensino.

Durante as dúas sesións falarase sobre cuestións como a resolución de conflitos dende unha perspectiva de xénero, a prevención da violencia sexista nas aulas, o androcentrismo e modos de socialización familiar ou as distintas experiencias de traballo de educación para a igualdade nos centros educativos. Profesoras, orientadoras, sociólogas e colectivos de intervención social participarán como relatores neste encontro. Pecharase cun recital poético-musical a cargo de Medos Romero e Maite Dacosta.

A matrícula nesta xornada é de balde. A inscrición realizarase a través da AS-PG: teléfono 981 278 259 ou correo electrónico información@as-pg.com; ou de CIG- Ensino: teléfono 981 576 800 ou e-mail santaigo@cig-ensino.com. Tamén se poder formalizar a matricula en calquera dos locais destas entidades.

Compartir: