PLENO

A Corporación aproba un crédito extraordinario de 1,1 millóns de euros para atender gastos sociais derivados da crise sanitaria

14/05/2020 O Pleno da Corporación reuniuse este xoves nunha sesión extraordinaria na que se deu conta da liquidación do orzamento municipal de 2019, que reflicte un superávit de 12,1 millóns de euros. Ademais, deuse o visto bo a dous expedientes de crédito: un por importe de 342.934 euros para facer fronte a obrigas e pagos pendentes do anterior exercicio, e outro de 1.145.754 euros para atender gastos sociais derivados da crise do COVID-19.

Tal como explicou a concelleira de Facenda, Marta Abal, deste superávit, a día de hoxe só se pode dispor de algo máis de 5,7 millóns de euros para non incorrer en déficit en termos de estabilidade financeira. Neste marco, a Corporación validou un expediente de crédito extraordinario de 1.145.754,55 euros e aprobou outro de 439.372,10 euros, financiados con cargo ao remanente líquido de tesourería para gastos xerais.

O primeiro crédito ten por obxecto atender gastos sociais derivados do estado de alarma e da emerxencia sanitaria e ao amparo do decreto gobernamental que habilitou o uso de parte do superávit para gasto social. Así, destínanse 187.365 euros ao servizo de atención ás persoas sen fogar, 51.328 euros para reforzar programa de atención domiciliaria de persoas maiores, 815.850 euros para cubrir o gasto do programa do tícket especial de compra, 82.500 euros para as bolsas de comedor escolar, 6.000 euros para a compra de medicamentos para persoas en situación de vulnerabilidade e 2.710 euros a axudas para os bonos de datos a nenos e nenas que non dispuxeran dos mesmos para realizar as súas actividades escolares. Este crédito foi validado por unanimidade. Indicou o alcalde que, a día de hoxe, o gasto extraordinario xerado ao Concello pola crise sanitaria alcanza os 2,7 millóns de euros.

O segundo crédito está destinado a atender obrigas e pagos pendentes do exercicio 2019. Foi ratificado co voto favorable do grupo do Goberno e a abstención dos outros tres grupos municipais.

Compartir: