URBANISMO

Mercedes Rosón participou hoxe na constitución da Comisión de Urbanismo e Vivenda da FEMP

12/05/2020 A concelleira de Urbanismo, Mercedes Rosón, participou hoxe na constitución da Comisión de Urbanismo e Vivenda da FEMP, a Federación Española de Municipios e Provincias. Na reunión, que se desenvolveu por vía telemática, acordouse redactar un documento con propostas de reconstrución sostibles, que humanicen o espazo urbano.

Entre as propostas de actuación xurdidas no deseño da cidade post-COVID19, figuran a posta en valor da rehabilitación, a aposta por proxectos de eficiencia enerxética e a revisión de aspectos como a mobilidade, que contribuirían á "humanización" do planeamento urbanístico e ao incremento da calidade de vida dos seus habitantes.

No encontro, e a través das testemuñas das distintas cidades participantes, reflexionouse sobre a importancia do espazo urbano na vida das persoas (os espazos verdes, a peonalización das rúas ou a accesibilidade universal), algo que se puxo de manifesto durante esta crise sanitaria. E incidiuse en que, nesta desescalada e reconstrución, cómpre tomar medidas canto antes en áreas tan importantes como o urbanismo e a vivenda.

Compartir: